Homes e barcos

Homes e barcos
16 de Marzo, 2021 - 11:50 h. | Publicada por Radio Fene

O Museo Naval de Ferrol inaugura a exposición "Homes e Barcos. A fotografía da Mariña Española no Museo Naval (1850-1935)". Permanecerá un mes no museo ferrolán.

Desde o mércores 17 de marzo até o domingo 18 de abril, na Sala de Usos Múltiples do Museo Naval de Ferrol, poderase visitar a Exposición titulada "HOMES E BARCOS. A fotografía da Mariña Española no Museo Naval (1850-1935)", organizada pola Subdirección Xeral de Publicacións e Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa, coa colaboración do Museo Naval.

A mostra, de carácter itinerante, está composta por 65 fotografías, que constitúen unha selección entre as máis de 200 publicadas no Libro que do mesmo título editouse no ano 2007, dentro da colección dedicada á Fotografía Militar, coas que pretende ofrecer unha testemuña do que foi a súa realidade histórica entre os anos 1850 a 1935, primando o interese informativo e divulgador. Coa mesma búscase difundir unha parte singular do patrimonio cultural que atesoura nos seus arquivos, museos e bibliotecas o Ministerio de Defensa.

O horario de visitas será o habitual no Museo Naval de Ferrol, de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; sábados, domingos e festivos, de 10.30 a 13.30 horas. Entrada gratuíta.

Museo Naval de Ferrol

O Museo Naval de Ferrol foi inaugurado o 5 de marzo de 1986 coa intención de mostrar a vinculación da Armada coa cidade coruñesa desde que en 1726 José Patiño Rosales, almirante, Secretario de Estado e Intendente Xeral da Mariña durante o reinado de Felipe V, elixise a ría de Ferrol e a vila da Graña para construír o arsenal da Armada na costa norte. Está situado no edificio histórico do Arsenal de Ferrol coñecido como "Presidio San Campio". O edificio responde á idea de Felipe V de mellorar os arsenais e darlle unha maior importancia á política naval. En 1747 desenvolveuse o proxecto da súa construción por parte do Tenente Xeral Cosme Álvarez. Aprobado en 1750, é un edificio de estilo barroco-neoclásico, cuxos traballos quedaron finalizados en 1770.

Cultura

Publica o teu comentario agora