A honradez intelectual de Murguía

A honradez intelectual de Murguía
03 de Marzo, 2026 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

Unha nova investigación sobre as rimas populares de Murguía ve a luz da man de Diego Rodríguez. Revisa unha cuestión clave: a posición de Manuel Murguía respecto ao romanceiro. Nun primeiro momento, o autor considerou que o romance era alleo á tradición galega por estar excesivamente castelanizado. Porén, tras comprobar que a súa filla Alejandra conservaba na memoria romances íntegros en galego, modificou esa visión. Os manuscritos demostran a existencia dun romanceiro galego sólido, con trazos lingüísticos propios. O estudo reivindica así a honestidade intelectual de Murguía fronte a críticas que cuestionaron a autenticidade das súas recollidas. Ademais, pon en dúbida as teorías tradicionais de Menéndez Pidal sobre unha suposta irradiación exclusivamente castelá dos romances.

ESCOITA O PODCAST:

Xosé Luis Axeitos, Antonio Tizón, Diego Rodriguez e Henrique Sanfiz conversa arredor das Rimas recollidas por Murguía:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/020326RODRIGUEZ.mp3

Fotografía Xan Xe

O cambio de Murguía
A publicación do Romanceiro Geral Portugués emocionou a Murguía. Ao ver ao seu pai tan entusiasmado co contido do libro, Alejandra confesoulle: “Pero se disto sei eu moitos”. Ela recollera romances dunha muller maior de Laxe que traballaba na casa da familia Murguía-Castro. "Parece mentira, pero non pode ser máis que verdade. Ás veces convives cunha persoa e non sabes todo o que garda", sinala o investigador.

A recollida de poesía popular de Murguía parece arrancar arredor de 1863 nas inmediacións do monte Breamo, en Pontedeume. Alí, ao escoitar os cantares que acompañaban os labores agrícolas, decatouse da importancia desas composicións. Segundo o prólogo das Rimas, Murguía chegou a reunir máis de 6.000 cantares.

Diego Rodríguez publica "As Rimas Populares de Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados", onde demostra que non houbo invencións no material achegado polo primeiro presidente da Academia Galega. Para o profesor Xosé Luís Axeitos, este traballo restaura a honradez intelectual do polígrafo. Malia que Murguía non conseguiu publicar esta obra en vida, este legado resulta esencial para profundar no estudo da poesía popular e reconsiderar os esquemas dominantes sobre a cultura popular en Europa.

Cultura

Publica o teu comentario agora