Horror en Palestina

Horror en Palestina

22 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Amosar a repulsa pola guerra en Palestina é o obxectivo dunha acción de protesta convocada na Coruña. Chámase en réxime de autoconvocatoria a unha concentración para a quinta feira (xoves) 24 de xullo ás 20 horas no Obelisco. Tamén en Santiago de Compostela convócase unha marcha ás sete e media da tarde de hoxe na Praza do Toural.

A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez solicitou xa o pasado nove de xullo a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores García Margallo no Parlamento para demandarlle accións diante de Israel para deter o ataque a Palestina. Pérez lamenta que “non exista unha actuación urxente por parte de estados da UE como o español demandando a Israel a paralización imediata do ataque militar sobre a castigada poboación palestiniana de Gaza”.

Sobre todo, puntualiza Rosana, cando temos que escoitar as declaracións do Ministro de Defensa israelí sinalando que “a operación militar non rematará en cuestión de días”, o que debería causar a alarma da comunidade internacional, “unhas manifestacións que ademáis amosan ás claras que Israel tiña preparado o ataque desde hai tempo, planificado e que só buscou un pretexto para levar a cabo un bombardeo masivo sobre Gaza”.
A deputada do BNG advertiu que “o inmovilismo da UE, do Goberno español ou da comunidade internacional pode ter consecuencias irreparábeis como o asasinato cruel de miles de persoas de Gaza”. Pediu asemade que se exixa a Israel o cumprimento das resolucións da ONU e o respecto polos dereitos humanos e a vida porque “está asasinando a poboación civil, a nenos e a persoas indefensas”.

Sociedade