A humanidade precisa da memoria e da construción histórica

A humanidade precisa da memoria e da construción histórica
24 de Febreiro, 2024 - 06:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Coida de mamá" díxolle Manuel Serantes Iglesias ao seu fillo de 4 anos cando o levaban para fusilar na canteira de Ombre en Pontedeume o 25 de xullo de 1936. Contou o feito a súa neta no acto de inauguración do monumento ás vítimas da ditadura celebrado esta mañá no Parque Antón Varela en Ferrol. Tamén interviron Antonio Deza Alves, Ana Pradose Maria Jesús Armada en nome das 904 persoas asesinadas na zona por defender as liberdades. Recuperar os seus nomes é solucionar a segunda condena que padeceron, a condena ao silencio. Fíxose un chamamento ás administracións para recuperar as fosas comúns e entregar aos seus familiares os seus corpos para poder darlles unha sepultura digna. 

ESCOITA O PODCAST:

Constantino Rico agradece a axuda da poboación de Francia:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/230224RICO.mp3

Xosé Carbón lembra a crueldade da ditadura:
https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/230224CARBON.mp3

Monumento ás vítimas da ditadura. Ferrol

Un monumento ás vítimas do franquismo lembra as persoas que perderon a vida pola defensa da liberdade entre 1936 e 1977 no parque Antón Varela en Canido en Ferrol. Ademais de familiares das vítimams, no emotivo  acto interviron tamén os alcaldes de Pontedeume, Ortigueira, Narón e Ferrol e os historiadores Xosé Manuel Suárez e Bernardo Máiz. Tamén estiveron presentes o alcalde de Fene Juventino Trigo e os deputados do BNG Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe. 

Xosé Carbón contou en Radio Fene a tortura ao veciño de Pontedeume Eladio Cortizas. En Campolongo atáronno a un cabalo e mandaron ao animal trotar. Sobreviviu pero despois matáronno.

A escultura metálica que o artista Manuel Patinha cedeu desinteresadamente ao Concello de Ferrol instálase sobre unha mesa de formigón recuberta de grantio, con nomes das vítimas gravados en metacrilato e ordenados alfabeticamente dentro de cada ano. A Asociación Memoria Histórica Democrática valora que se honre a aqueles que perderon a vida en defensa dos ideais de progreso e ben común.

Unha das persoas lembradas no monumento é Pedro Rico Rodeiro,vitima dunha execución extraxudicial en Cabanas en agosto de 1947. O seu fillo e a muller  marcharon para Francia. Alí a xente axudounos moito, segundo lembra o neto de Pedro, Constantino Rico. O monumento tamén lembra a Constantino López Marcos. A súa sobriña, emocionada, depositou no monumento un centro floral, ao igual que moitos familiares que deixaron flores e fotografías de lembranza.

A humanidade precisa da memoria e da construción histórica; é dicir, cómpre que interioricemos o noso pasado. Non podemos evolucionar sen saber de onde procedemos, cales son as nosas tradicións, o noso xeito de estarmos no mundo. Necesitamos unha construción cultural, unha xustificación moral que nos protexa ante os acontecementos do porvir, afirma o historiador Emilio Grandio.

Cultura

Publica o teu comentario agora