A identidade urbana de Ferrol

A identidade urbana de Ferrol
02 de Xaneiro, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Ferrol no tempo descubre a historia e a identidade urbana. A exposición podese visitar ata finais de xaneiro no edificio de Afundación de Abanca no Cantón de Molins. A mostra percorre a través de varias seccións a evolución e construción da cidade desde diversas perspectivas coa combinación de obxectos, materiais físicos e tecnoloxías interactivas.

Fotografía Xan Xe

Expoñense as notas do escribán Lopo García de Toar, notario público de Ferrol (segunda metade do S.XV) que copiou 23 poemas do cancionero de Afonso Paes cando a poesía trobadoresca en galego estaba en desaparición. Os poemas, conservados no Arquivo de Galicia, son innovadores e de valor excepcional na literatura peninsular da época.
A batalla de Brión en debuxos animados
Desde a Batalla de Brión librada en Ferrol en 1800 e recreada a modo de ilustracións animadas, a exposición mostra o Ferrol Vello que permanece nos símbolos, o deseño das estruturas defensivas e da loxística dos servizos de subministración e saneamento, así como os proxectos das grandes obras públicas, as comunicacións e a construción dos barrios. Unha evolución marcada pola chegada da industria e polo crecemento da poboación provocado polas necesidades da Armada e os estaleiros, con forte presenza de cidadanía estranxeira. 
Baixo a premisa dunha expansión urbana considerada dos mellores exemplos da ilustración na Península Ibérica, atopamos planos e documentos dos séculos XVII e XVIII. Entre eles figura un mapa de 1639, conservado no Arquivo de Simancas, que describe o porto de Ferrol e no que a Coroa integra a ría dentro do sistema loxístico de apoio á Armada. Da mesma institución chega unha copia do plano orixinal do proxecto do Arsenal de 1751 de gran valor histórico porque presenta unha solución habitacional para o amplo continxente humano que chegaría á cidade. O plano da Alameda de Ferrol de 1841, procedente do Museo Naval de Madrid, é outra das pezas importantes que documentan neste caso a planificación da primeira alameda urbana de Galicia. 
Os saberes técnicos teñen gran importancia no relato expositivo, destacando a Enciclopedia Mecánica (1962), precursora do hipertexto do libro electrónico, e en realidade de Internet. Unha enciclopeida ideada pola mestra Ángela Ruiz Robles e fabricada nas instalacións do Parque de Artillaría de Ferrol. Outro dos exemplos do Ferrol industrial, ligado á cultura técnica do Arsenal, é un reloxo de seis esferas de 1811 procedente do Museo de Pontevedra.

 

Na imaxe de Xan Xe, Manuel Gago, comisario da exposición "Ferrol no tempo"

Sociedade

Publica o teu comentario agora