A igrexa de Soaserra

A capela tivo moita relación co mosteiro de Caaveiro
05 de Outubro, 2020 - 01:16 h. | Publicada por Radio Fene

Visitamos a igrexa de Soaserra. Coñecemos a súa estreita relación histórica co coto de Caaveiro e andamos a ruta que une as dúas localidades.

ESCOITA O PODCAST:

Visitamos hoxe a igrexa de Soaserra da man da técnica de Turismo do concello de Cabanas, Eva González. Unha igrexa que data do século XIX (1856) e se inscribe no barroco rexional. Ubicada na contorna rural, ten ao seu carón o cemiterio e antes tiña a casa reitoral, hoxe desaparecida. O que máis chama a atención no interior da igrexa é o seu retablo, procedente de San Xoán de Caaveiro, que na actualidade está en proceso de restauración. A imaxe central é de Santa Olaia. Dátano en 1705 e foi encargado polo prior Carlos Ciprián Magada.

Curioso é o ataúde de madeira portátil, do século XVIII que, segundo González, hai varias teorías que explican a súa utilidade. Unha delas fala de que servía para trasladar os cadáveres dos abades que morrían na vila “porque moitos xa non residían en Caaveiro polas duras condicións de habitabilidade” e se transportaban neste cadaleito ao mosteiro para ser enterrados alí.

Tamén ten o seu interese o reloxo de sol. Cabanas ten o de Soaserra e outro no hórreo máis antigo do concello, datado en 1872, no lugar de Xabarís. A relación entre Soaserra e Caaveiro ven de antigo porque Soaserra pertenceu ao coto de Caaveiro desde o século X. A relación mantívose ata o século XIX, cando Cabanas se constitúe como concello.

O concello de Cabanas ten establecido unha ruta circular de sendeirismo que une as dúas localidades estreitamente unidas pola historia. Son 13 km, de dificultade media, que discorren por bosque autóctono, polas Fragas do Eume. Leva catro horas cun pequeno descanso na metade. Eva González recoméndanos andala porque é moi saudable e entretida.

Cultura

Publica o teu comentario agora