Igualdade para a discapacidade

Igualdade para a discapacidade

03 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

“Queremos estar presentes na sociedade”. Con estas palabras resumiu Anxo Queiruga, presidente do Colectivo Galego de Minusválidos, os desexos dun grupo que, a pesares do que se esta a facer, ten que convivir a diario con multitude de desigualdades. Hoxe, día no que se conmemora o Día Mundial da Discapacidade, queren alzar a súa voz e piden dunha vez por todas verse liberados das restriccións que lles impón un entorno reticente e moitas veces adverso.

O manifesto que fixo público o Comité Español de representantes de persoas con discapacidade recolle estas e outras reivindicación dun colectivo que se sinte aínda marxinado.

Segundo manifestaba está mañá a Radiofusión o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, a discapacidade é unha cuestión transversal, e non se poden facer cousas para discapacitados sen contar con eles.

Reclaman polo tanto que se apliquen as medias expostas dende este colectivo para que a integración sexa real. Outra das reivindicacións refírese ao eido laboral no que din, non se está a cumprir os cupos de contratación de persoas discapacitadas, nin hai garantida tampouco carga de traballo para estas iniciativas.

Os discapacitados, afirmou Anxo Queiruga, “estamos xerando riqueza e contribuíndo á economía do país como calqueira cidadán, e como tal, temos que contar cos mesmos dereitos, para conseguir que a discriminación sexa sempre positiva”.

As 50 entidades que forman parte de COGAMI levarán a cabo nesta xornada diferentes actos conmemorativos en toda Galicia. Dende FERMI- Galicia, organización que aglutina a tódalas discapacidades, organizan un acto na capital galega, que contará coa secretaria xeral , Susana López, e a delegada do Fermi nacional para a convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade.

Haberá tamén unha mesa redonda sobre a convención como ferramenta xurídica que contará coa presencia de Mario Piñeiro, fiscal xefe do destacamento de Compostela, o notario José Manuel Lois Puente e o profesor de Dereito Civil da universidade de Santiago de Compostela, Julio Iglesias Redondo. Os actos finalizarán cunha mesa redonda onde estarán presentes os voceiros de tódolos grupos parlamentarios galegos.

Sociedade