II Xornadas Públicas 
Somos Pandeireteiras

II Xornadas Públicas 
Somos Pandeireteiras
09 de Maio, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

E se articulamos un espazo común que poña en valor as nosas formas de creación colectiva, que favoreza o intercambio de coñecemento e a difusión do noso saber?. 

ESCOITA O PODCAST:

Esta idea coa que nace a Asociación de Tocadoras de Galicia Somos Pandeireteiras, está detrás da proposta que a Asociación presenta co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 2025, data na que a Real Academia Galega renderá homenaxe a seis tocadoras da nosa tradición; a Asociación promove a celebración na tarde do 17 de maio, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a II edición das  Xornadas Públicas Somos Pandeireteiras.

Un encontro que terá o formato de Mesas de Traballo - desenvolveranse catro- e terá lugar no Auditorio de Galicia e contará con catro mesas de traballo arredor do papel das mulleres pandeireteiras como transmisoras da lingua galega e, das principais conclusións dos debates, a Asociación elaborará unha publicación da man de Paula Carballeira, Olga Novo, Ánxela Lema, Nuria Vil e Pilar García Rego. 

Nesta edición de Sons de Nós que vos presentamos,Gisela Sanmartín, Mercedes Peón e Ana Fernández, adiantábanos esta proposta de Mesas de traballo que será a segunda edición que celebran.

As xornadas están dirixidas a todas as mulleres pandeireteiras galegas e contarán cun límite de 100 prazas (25 persoas por mesa redonda) coa intención de poder desenvolver, nas mellores condicións posibles, un debate de xeito colectivo e colaborativo en cada mesa. As inscricións están abertas ata o día 15 de maio.

A xornada pecharémola cunha gran foliada aberta á veciñanza (20.00 a 22.00 horas) que non require inscrición previa. 

Cultura

Publica o teu comentario agora