Iníciase un programa de compostaxe doméstica integral

Iníciase un programa de compostaxe doméstica integral

11 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes lanzará nas vindeiras semanas unha campaña informativa para que os veciños e veciñas de calquera parrroquia do municipio poidan solicitar a cesión do composteiro. O único que terán que facer é proporcionar unha serie de datos para conseguir a cesión do composteiro e poder facer un correcto seguemento do programa, que será a primeira vez que se leve a cabo na provincia da Coruña.

 

Xesús Pedreira explica que “a nosa previsión é que o programa esté en funcionamento no ano 2010 e que participen a maioría dos veciños do medio rural, así como nas vivendas urbanas con xardíns, nos campos de fútbol, etc”. Ademais, anuncia que o seguemento do programa será acometido por un técnico de medio ambiente, que se encargará de explicarlles aos veciños o funcionamento do composteiro e se encargará do control do programa. Un profesional que chegará ao Concello de Ordes ao abeiro deste convenio durante un periodo de nove meses.

 

Éxito da compostaxe en Ordes

 

A elección do Concello de Ordes para a participación neste programa piloto radica nos bos resultados dos proxectos de compostaxe doméstica postos en marcha por cincuenta familias do municipio, ubicadas nas parroquias de Beán (19), Poulo (14) e Barbeiros (5), ademais das localidades de Merelle, Espenica, Ardemil e Fonte Estrey. De feito, xa durante a presentación dos resultados desta campaña, aló polo mes de febreiro, o Concello de Ordes xa anunciara a súa intención de facer extensivo o programa de compostaxe feito en colaboración con Sogama, “dados os beneficios ecolóxicos e económicos que tivo esta iniciativa para esas cincuenta familias”, sinala Xesús Pedreira.

 

 

Canda o composteiro, todos os veciños e veciñas de Ordes que decidan participar neste novo proxecto recibirán un manual de compostaxe con indicacións sobre como elaborar compost a partir dos residuos orgánicos que producen a diario e conseguiren deste xeito un abono de elevada calidade. Pedreira Mirás destaca a importancia deste proceso de reciclaxe xa que “reducimos a cantidade de lixo que acaba no vertedoiro, pechamos o ciclo da materia orgánica, obtemos un abono de gran calidade para as nosas hortas e porque enriquecemos o noso chan, ao devolverlle materia orgánica”.

 

Este manual de compostaxe, ademais de incluir unha completa guía de cómo utilizar o composteiro, recolle tamén un apartado de resolución dos problemas máis comúns que se poden presentar no uso do composteiro. Unha información que será complementada co traballo deste técnico de medio ambiente que chegará a Ordes ao abeiro do convenio de colaboración entre o Concello e o Ministerio de Medio Ambiente.

 

Redución dos residuos orgánicos

 

O anterior proxecto piloto de compostaxe doméstica, realizado polo Concello de Ordes en colaboración con Sogama e Adega, comprobou unha redución da presenza de materia orgánica nos contenedores xenéricos, que pasou dun 58,4% ao inicio da experiencia a un 21,58% seis meses despois, é dicir, permitíu unha redución do 63%. Un dato moi significativo xa que, na composición media do lixo, a materia orgánica supón entre o 50 e o 60%, polo que esta iniciativa permitiu a reciclaxe dos restos orgánicos en orixe, diminuíndo paralelamente a cantidade de materiais depositados nos contedores xenéricos, ao tempo que mellora a calidade da recollida selectiva no seu conxunto.

 

Das enquisas realizadas daquela dedúcese que tempo semanal dedicado ao recipiente no que elaborar o compost oscila entre media hora e 1 hora, e aínda que a principal causa de rexeitamento prevista a priori eran os cheiros, estes non apareceron en momento ningún. Tamén se constatou que existe conciencia de que a redución dos custos de xestión e tratamento dos residuos xenéricos e a diminución da frecuencia de recollida e transporte beneficiará á propia Administración local, e é por iso que o total dos enquisados considera que o programa debería ampliarse a outros puntos do municipio, tal e como fará o Concello de Ordes.

Sociedade