Inaugúrase o Museo do Traxe Juanjo Linares en Ordes

Inaugúrase o Museo do Traxe Juanjo Linares en Ordes

14 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten todo preparado para celebrar o próximo sábado 16 de xaneiro a inauguración dunha das obras máis importantes para o municipio, tanto dende o punto de vista sentimental como estructural, o Museo do Traxe “Juanjo Linares”.

Os actos que poñerán en marcha esta nova instalación ordense darán comenzo ás 11:30 horas coa inauguración do Museo e a visita ás instalacións, unha inauguración que irá seguida, como non podía ser doutra maneira tratándose dunha homenaxe ao coreógrafo e bailarín Juanjo Linares, cun espectáculo de danza que correrá a cargo da Compañía Ibérica de Danza, ás 12:30 na discoteca LP45.

Tralos actos programados polo Concello celebrarase unha comida no restaurante El Túnel, lugar onde se poden ir inscribindo todos aqueles que queiran participar, así como recibir máis información acerca da mesma.

Tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, “trátase dun día moi importante para o noso municipio, no que ademais de inaugurar un museo que servirá como referente a nivel galego e nacional, tamén se homenaxeará ao noso fillo predilecto Juanjo Linares, que quixo deixar en Ordes o seu legado e que neste día estará presente en todos nós”.

O Concello de Ordes investiu preto de 250.000 euros no acondicionamento do edificio, situado nas inmediacións do campo da feira e que albergaba anteriormente o ambulatorio do municipio. O Museo conta con planta baixa provista dun salón de actos, e as plantas primeira e segunda onde se encontran as salas de exposicións cos traxes da colección do bailarín. Ademais tamén se inclúe unha mostra de cruces e fotografías de Linares e diferentes famosos que participaron na súa vida artística.

Cultura