Industria atende unha demanda do BNG para financiar a instalación de receptores por satélite nas zonas de sombra da TDT

Industria atende unha demanda do BNG para financiar a instalación de receptores por satélite nas zonas de sombra da TDT

15 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As zonas de sombra de Lugo contarán cunha axuda do ministerio de Industria para instalar receptores por satélite que lles permita ter acceso á TDT, logo de que a Comisión de Industria do Congreso dos Deputados aprobara onte unha iniciativa do BNG na que instaba ao departamento dirixido por Miguel Sebastián a financiar parte dos custes da adaptación destas zonas á televisión dixital.

Os receptores por satélite son imprescindibles para poder recibir correctamente o sinal da TDT nestas áreas. Todo o equipo de recepción, no que se incluirían a antena, o adaptador e a man de obra, podería custar, segundo  portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, case 600 euros.
 “Este custo –subliñou Jorquera- supón un desembolso moi gravoso para moitas persoas, habida conta de que unha parte importante dos residentes nestas zonas de sombra, sobre todo comarcas de montaña, teñen pensións mínimas única fonte de ingresos”.
Segundo o voceiro nacionalista o porcentaxe total de poboación que residiría nas zonas de sombra podería acadar preto dun 2 ou un 3%, o que supón unha cifra importante de persoas que deben resolver este problema.

“Nin a Xunta nin o Ministerio habilitaron axudas”
Porén, o deputado do BNG denunciou que “nin a Xunta de Galicia –con carácter oficial- nin o Ministerio de Industria habilitaron ningún tipo de axudas, a semellanza do Plano de Actuacións de Apoio a colectivos con risco de exclusión nos Proxectos de Transición da Fase I do Plan Estatal de Transición á TDT”.
Para Jorquera esta é unha situación inxusta e ilóxica, xa que o colectivo de persoas en risco de exclusión é maior nas zonas de sombra da TDT e o custo dos equipos por satélite, e polo tanto o esforzo económico que teñen que facer, é moito maior”.

Numerosos problemas coa recepción da TDT
Ademais, Francisco Jorquera denunciou “as numerosas deficiencias na recepción da TDT nas zonas que non están consideradas de sombra, especialmente cando se atopan cerca de parques eólicos ou pola falta de antenas reemisoras”.

Sociedade