Infancia en Ferrol

Infancia en Ferrol
20 de Novembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Se a infancia é a nosa patria, como dicía Rilke, a patria de Henrique Dacosta está en Canido e en Covas. “O meu barrio natal, onde me criei, Canido, ou Prior, en Covas, son os lugares que máis me marcaron e teñen que aparecer, por forza”, asegurou o autor do libro “O estraño caso da bicicleta amarela. Oito contos e unha traxedia”, publicado por Belagua, no Club de Lectura de Radio Fene.

“A infancia sempre é a infancia”. Cambiou moito a vida para os menores nas últimas décadas, pero hai algo que permanece. “Creo que houbo un salto xeracional moi importante, o meu alumando practicamente non xoga a nada do que eu xogaba, as bolas, o escondíate… están moi ocupados con tantas actividades e cada vez máis protexidos, hai medo de que saian xogar á rúa, pero a eses anos a inconsciencia mantense”, apunta o escritor e profesor. Na súa última obra teñen moita presenza o mar e a pesca. “Ferrol e Covas, onde aprendín pescar co meu pai. Ir ás luras ou mesmo botar a rede, pescar ao fondo ou outras pescas menores, como ir ás barbadas que teñen a peculiaridade de que hai que asubiar para que piquen, indo polas pozas e metendo a vara para atraelas”. E tamén da pesca do bacallau. “Os bacallaeiros estaban aí atracados, enferruxando no peirao, porque por idade non os recordo en funcionamento, pero o que teño lido e me teñen contado foi a fonte de inspiración”. A Pisbe e a fábrica de lapis, “penso que deixaron unha forte pegada. Eu agora vivo en Ferrol vello, detrás de onde estaba a fábrica de lapis, aínda teño unha veciña que traballou nela”. “Nos anos trinta, antes da Segunda República contratouse un enxeñeiro alemán que se asenta aquí, comeza a ensinar a fabricación das minas de grafito para eses lapises que todos recordamos, eu aínda teño algún gardado pola casa”, lembra. 

Cultura

Publica o teu comentario agora