Intérprete único de Nordemia

Intérprete único de Nordemia
12 de Abril, 2021 - 05:10 h. | Publicada por Radio Fene

"Nordemia" de David Fernández Vaamonde, músico coruñés afincado en Madrid. A mellor carta de presentación é ser alumno de Dani Bellón desde hai dez anos.

ESCOITA O PODCAST:

Hai un novo disco e en dúas semanas tomará forma de tal pero que coñecemos xa a través de diferentes plataformas. Chámase NORDEMIA e o seu autor é David Fernández Vaamonde, un coruñés de toda a vida que vive en Madrid desde hai 15 anos. Desde hai dez é alumno da Escola BellónMaceiras de Fene e particularmente do gaiteiro e mestre Dani Bellón. Asistiu ás súas clases presenciais en Madrid e, a causa da pandemia, seguiu despois as súas clases online. Recoñece David que foi Dani Bellón quen o animou a gravar as pezas que conforman este traballo musical feito en solitario.

David empezou tocando a guitarra acústica sendo moi noviño cun grupo na Coruña pero o seu interese pola música folk ven de sempre. Cando fala deste primeiro disco “Nordemia” fala de “experimentación” o que quere dicir que naceu de facer probas e gravarse facendo versións de temas moi tradicionais e coñecidos. O selo é unicamente el. Un único intérprete de varios instrumentos, cos que engade ás melodías as súas versións. “Eu defínome como un grupo mono-familar” afirma David Fernández Vaamonde. Primeiro grava pistas coa guitarra e, unha vez ten a estrutura da peza, empeza a engadirlle frautas, gaita, ocarina e mesmo voz.

Os seus referentes musicais son un montón, segundo as súas palabras. Dani Bellón o primeiro. Para el non é só un gaiteiro virtuosos senón un profesor de música excelente, un paradigma no respeto á tradición pero innovando. De feito seguiu paso a paso os resultados deste traballo”. Di David que foi el quen o animou porque véu neste traballo a calidade suficiente para publicitalo. Tamén gusta de Xavier Díaz, Berrogüeto, Milladoiro e guitarristas bretóns e irlandeses. Segundo David, en Madrid hai moita “colonia galega” e moita gana de consumir música galega. Os concertos de Guadi Galego, SES, Xavier Días e as Adufeiras do salitre, Berrogüeto, etc están cheos.

Nun par de semanas estará o disco fisicamente listo. De momento pódese tomar un aperitivo nas plataformas. Foliada, muiñeira, xota, soan a gloria no disco deste músico para o que desexamos o mellor dos porvires.

Cultura

Publica o teu comentario agora