Irregularidades que poden ser constitutivas de infracción penal

Irregularidades que poden ser constitutivas de infracción penal

20 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A xuiza instrutora da Operación Pokemon, Pilar de Lara, preguntou ao Ministerio Fiscal sobre se procedía elevar "exposición motivada" ao Tribuna Superior de Xustiza de Galicia, sobre o comportamento da portavoz do PPdeG, Paula Prado. A maxistrada indica que atopou no comportamento da deputada certas irregularidades que poden ser constitutivas de infracción penal.

   Así consta nun auto con data 2 de decembro de 2013, incluído nunha nova entrega ás partes do sumario da Operación Pokémon. A xuíza ampara a súa decisión fundamentalmente --segundo alega no apartado de fundamentación xurídica-- nos informes do Servizo de Vixilancia Aduaneira, documentación incautada, conversacións telefónicas e declaracións prestadas no marco da Operación Pokémon.

   Na súa argumentación, De Lara subliña que, "sen prexuízo da investigación do órgano competente", dos informes do Servizo de Vixilancia Aduaneira "inférese a participación" da ex-concelleira compostelá no "pago dunha factura inflada" pola representación do espectáculo 'A Abella Maya', para beneficiar ao empresario Jesús Fontes Maceira, implicado tamén en "adxudicacións presuntamente ilícitas" a favor de GRS e Aquagest.

   O auto alude, así mesmo, a "influencias" nas que interviría Prado co entón tamén concelleiro Albino Vázquez e Adrián Varela, tamén compañeiro seu no Consistorio, para "beneficiar economicamente ao seu cónxuxe na súa actividade de venda de materiais téxtiles", entre eles aos Concellos de Santiago e Boqueixón, "empregando para iso a terceiros intermediarios para non involucrar o seu nome como provedor".

   Engade a xuíza que este --a quen ordenou investigar-- "utilizaría estrataxemas como a de facturar, por medio de persoas interpostas". "Así, como persoa física, por unha banda a Servizos e Materiais, do Grupo Vendex, e a través doutra empresa da súa propiedade, a Aquagest e Servizos e Materiais", remarca o auto.

SUPOSTOS ENCHUFES

   En terceiro lugar, o auto refírese á "influencia" da portavoz do PPdeG na contratación de determinadas persoas "afiliadas ou próximas ideolóxicamente" ao seu partido "en empresas concesionarias de obras e servizos" do Concello de Santiago, "chegando a adaptar para iso os currículos aos postos de traballo".

   "Independentemente doutros supostos, revelados nos informes presentados, habería enchufado supostamente a algunha persoa para ser contratada pola empresa Sermasa, adxudicataria do concurso da Escola infantil de Salgueiriños. Igualmente podería intervir nalgúns expedientes de acometida de auga a favor de terceiros e na resolución dun expediente dun local chamado Moon, probablemente de apertura ou peche por ruídos", agrega o auto xudicial.

   Nesta conxuntura e ante a "condición de aforada" de Prado, a xuíza conclúe que hai que abrir unha peza separada das presentes actuacións a fin de determinar na mesma "se procede ou non elevar a  pertinente exposición motivada", previo traslado ao Ministerio Fiscal.

   Dita peza separada, incoada como "dilixencias previas", incorpora todos os informes presentados por Vixilancia Aduaneira sobre Prado --os relativos á escola infantil de Salgueiriños e contratación; o de conversacións telefónicas da portavoz do PPdeG; o relativo ao espectáculo 'A Abella Maya'; e o que incumbe ás actividades do seu marido. Tamén suma unha copia da declaración que Prado prestou como testemuña no marco da causa.

   Baixo segredo de sumario permanece a declaración da portavoz do PPdeG, quen esta mañá anulou a visita que tiña prevista ao mercadillo de Fisterra (A Coruña) dentro dos actos da campaña para as europeas. Con data do pasado 9 de maio, a xuíza Pilar de Lara asinou a prórroga do segredo de sumario que tamén incumbe a declaracións do exalcalde de Santiago Gerardo Conde Roia, a concelleira Amelia González, o exedil Albino Vázquez e o marchante Leonardo Patterson, así como sobre folios concretos de máis de 70 tomos, dos 120 nos que está dividida a causa.

DECLARACIÓN BAIXO SEGREDO

   A portavoz popular evitou nas últimas semanas realizar declaracións ante os medios de comunicación, pero despois de transcender que De Lara investigaba ao seu home, si emitiu un comunicado no que defendeu que "nunca intercedeu" pola actividade profesional do seu marido nin por "ningunha das empresas" para as que el traballou. No que a ela incumbe, agregou que "nunca na súa vida" alterou o prezo de contrato público algún.

   Prado tamén aproveitou a nota emitida para remarcar que, a pesar de que o xulgado xa coñecía o informe de Vixilancia Aduaneira "non só mantivo a súa condición procesual" --non está imputada-- senón que, tras responder a "todas e cada unha" das preguntas da xuíza, a súa condición de "testemuña" na causa "non cambiou un chisco".

   A dirixente popular lamentou que se fixese público un informe que "botaba dúbidas" sobre as súas actuacións como cargo público, pero non se trasladase tamén o contido da súa declaración no xulgado, na que --asegurou-- aclara "todas e cada unha das cuestións" que puideron ser interpretadas "dunha forma errónea" e que permanece baixo segredo.

Sociedade