Isidro Cillero, presidente da Liga Santaballesa: “Ao ascenso so lle dará mais prestixio ao club se o ano que ven xogamos con dignidade”

Isidro Cillero, presidente da Liga Santaballesa: “Ao ascenso so lle dará mais prestixio ao club se o ano que ven xogamos con dignidade”

14 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Santaballa é unha das principais parroquias de Vilalba, por tamaño xeográfico e territorial. Pero tamén no é no cultural e no deportivo. Boa culpa a ten a Liga Santaballesa, nacida a principios do XX, e que desenrola unha impagable actividade para o enriquecemento da veciñanza. Non debemos esquecer o aspecto deportivo, xa que é a sede do Santaballés. O equipo de fútbol acaba de conseguir o ascenso á Preferente Norte.

TCX: Unha boa tempada que rematou cun segundo posto, ¿Esperabades este éxito?

Nin é unha sorpresa, nin tampouco o esparabamos. Despois de rematar a tempada pasada loitando por non descender, o que pensabamos era evitar o descenso, o que pasa que era unha plantilla bastante xoven que marcou o ritmo da tempada. Chegados a un punto tampouco nos sorprendeu a posibilidade de ascender, porque desde o primeiro momento estivemos nos postos de arriba e viuse que había unión, gañas, e iso da posibilidades de ascender.

TCX: ¿Cando pensáchedes que esta tempada ía rematar así?, ¿Cando vos convencíchedes?

Normalmente, pasada a metade da competición ves que está aí, que a xente adestra a diario e ten gañas. Cando iso se cumpre sempre ves a posibilidade de quedar entre os primeiros da competición.

TCX: ¿Foi quizais produto dunha maior madurez do grupo de xogadores, da experiencia acumulada do ano pasado?

Posiblemente o empezar a tempada e vernos nos primeiros postos cando había equipos fortes, como o Ribadeo, Burela ou Valadouro e que eran favoritos deunos un plus; fíxonos ver tamén que realmente non eran superiores a nós. O arranque da tempada foi moi bo e iso marcou u pouco o rumbo que seguimos

TCX: O ascenso asentouse nunha boa defensa, nunha seriedade para sacar adiante os partidos, fostes o segundo menos goleado...

Fomos un equipo moi serio e disciplinado durante todo o ano e , esa constancia, esa persistencia, faiche, ao final de tempada, ter estes resultados. Nesta categoría non hai grandes diferenzas entre os equipos. Si mantés unha liña e unha defensa relativamente ordenada e precisa dache moitos puntos.

TCX: Cun Santaballés en Preferente, ¿Cambiará moito a plantilla ou seguiredes confiando neste grupo?

A filosofía do club seguirá sendo a mesma, seguiremos coa maioría dos xogadores da actual plantilla e se podemos reforzarnos con cinco o seis xogadores o faremos, pero coñecemos as nosas limitacións. Santaballa é unha parroquia de 500 habitantes e teremos que competir con equipos de grandes vilas como Viveiro, Monforte, Betanzos... e non podemos compararnos a eles. Se deportivamente nos sae unha boa tempada e nos mantemos sería estupendo, pero a nosa función na categoría é tentar non descender e se o facemos facelo dignamente. O que nunca imos facer é comprarnos con outros equipos que hai na Preferente Norte.

TCX. É dicir, desfrutar da categoría...

Isto é un premio a todos estes rapaces que están aquí, que teñen en torno aos 20 e 22 anos, que veñen do Rácing, do Endesa e que no seu momento non tiveron a oportunidade de pasar ao primeiro equipo e que amosaron a súa valía e capacidade.

TCX: A nivel de entidade, orzamento, ¿Custará moito adaptarse?

A diferenza non vai ser demasiada. Estará entre os 3.000 ou 4.000 euros mais a sumar a unha partida orzamentaria dun ano normal. Este ano tivemos moitos gastos por estar nas primeiras prazas, polo que desde a xunta directiva creemos que o orzamento pode ser similar á de este ano.

TCX: Esta boa campaña, se fose coroada co ascenso sería unha boa inxección para o prestixio do club...

Evidentemente. Ao club daralle mais importancia si o facemos dignamente. Se chegamos a un partido e o damos por perdido no primeiro minuto e non temos as condicións que teñen outros a imaxe sería penosa. Eu, coñecendo aos rapaces que hai na plantillla, creo que a tempada que ven o faremos dignamente. Non digo que rematemos no último posto nin no quinto, pero o que pretendo é facelo con dignidade, porque iso é o que da un prestixio ao club, mais que as posicións. Ademais, este ano estamos a arranxar o campo de adestramento e a pista polideportiva, a través dunha subvención do concello. Así, porémoslle outro céspede e pecharemos as súas instalacións, o que mellorará o rendemento do equipo.

TCX: Supoño que a afección estaría encantada, pero será importante que vos apoien o ano que ven.

O afeccionado seguro que nos vai a apoiar, porque a afección de Santaballa ven todos os domingos. Esas 200 ou 300 persoas veñen sempre, independentemente de que vaiamos decimoquintos ou segundos. Hai xente que ven mais se estás nos postos de cabeza, sobre todo xente de fóra. Eu entendo que a tempada que ven será interesante para ver as evolucións de equipos de certo renome.

TCX: Casos de clásicos da Terceira como o Lemos, o Viveiro, o Betanzos, o Bergantiños...

Eses enfrontamentos sempre lle da un prestixio ao equipo.

TCX: Pero a Unión Santaballesa non é so deporte, tamén ten outro tipo de actividades, ¿Como cales?

As actividades están e estarán un pouco limitadas polas obras que temos na nosa sede. Como é o templete que estamos a construír gracias á subvención da Consellería de Medio Ambiente. Tamén arranxaremos o tellado, gracias a unha axuda da Deputación. Tamén fixemos unha solicitude para arranxar a parte do edificio que está en peor estado. A directiva centrouse moito nestes temas e non tivemos excesivas actividades. Pero dentro das que realizamos foi o antroido a que tivo un gran éxito de asistencia. Agora estamos a preparar o San Xoán, e logo estamos a facer tamén unha serie de charlas sobre a terceira idade e unhas xornadas interxeracionais con Cáritas e coordinados por Pepe Boullosa para todos os últimos domingos de mes. A partir de agora temos unha serie de excursións e viaxes. Por exemplo, o día 24 de maio temos unha visita guiada ás covas do Rei Zentolo. Tamén teremos outras á Central de Endesa e ás fragas do Eume. Queremos facer outra aos museos de Compostela e faremos unha exposición de fotografías sobre a chegada dos galegos á Habana, ademais dunha serie de marchas de sitios da parroquia que a xente pode minusvalorar por telos tan preto. Pero outras actividades haberá que proxectalas en función de como vaian as obras. Para finais do verán teremos mais actividade.

TCX: ¿Cómo é a vosa programación? ¿Cómo vos organizades?

Normalmente a Xunta Directiva toma as decisións pero sempre orientadas cara as celebracións da parroquia. Unha das cuestións que tiñamos en mente era facer uns trípticos onde se deran vairas opcións para que a xente elixise a que mais lle conviña.

TCX. Das vosas actividades, ¿Cáles tiveron mellor acollida?

A de antroido foi bastante singular, porque durou todo o día, tivemos festa, xogos populares, comida, fútbol, foi unha xornada moi completa e quedaron moi contentos. Tamén as xornadas da terceira idade que está a coordinar Cáritas están a ter un éxito considerable de xente e é unha forma de sacalos da casa. Pero tamén queremos abrir un pouco o abanico de posibilidades para que non sexa sempre a mesma xente a que ven, que haxa un grupo de xente con mais arco de idade, que colabore mais xente nova.

Sociedade