Izquierdo Sisters abren o mes do Humor

Izquierdo Sisters abren o mes do Humor
29 de Outubro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O venres 4 de novembro bota a andar no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor” que organiza anualmente o Concello de Fene para conmemorar o aniversario deste centro. Catro espectáculos compoñen o programa desta edición que contará coas actuacións das Izquierdo Sisters (4 de novembro), María da Pontragha (11 de novembro), Oswaldo Digón (18 de novembro) e Marta Doviro (25 de novembro). A primeira función, o venres 4 ás 20 horas, coincidirá coa apertura e inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2022 e coa entrega dos galardóns do certame de humor gráfico que organiza anualmente o museo fenés. A entrada para todos os espectáculos, dirixidos a público adulto, será de balde até completar o aforo (80 localidades). 

Izquierdo Sisters

O ciclo Novembro, mes do humor 2022 desenvolverase atendendo ao seguinte calendario:
. Venres, 4 de novembro, ás 20 horas_Izquierdo sisters (Marita Martínez e Lucía Veiga) con Galician Horror Story. Trátase dun espectáculo de  improvisación conducido polas Irmáns Izquierdo, dúas mulleres moi inquietantes, hipnóticas e decimonónicas, que contactarán, coa axuda do público, con todo o que haxa que contactar, a fin de amosar e desvelar os máis profundos misterios da Galicia máis negra e luctuosa: crimes, asasinatos, espíritus, lendas urbanas e oscuros segredos. O público gozará de varios exercicios de improvisación dos que xurdirán historias únicas e irrepetibles, cargadas de humor e crítica, libres de tabúes e baseadas nas aportacións in situ dos presentes.

. Venres, 11 de novembro, ás 20 horas_María da Pontragha, con Coa palabra na boca. Espectáculo no que, a través da palabra e a música de tradición oral,
“percorreremos historias que falan da xente, do amor, da liberdade e da desobediencia, porque somos un pobo que discrepa e temos unha peculiar forma de enfrontrarnos á vida e á morte”. Historias de disidencias cheas de heroínas que non existen nos libros e heroes sen nome. Historias de vida que beirean a morte e de mortos que volven a este mundo.

. Venres, 18 de novembro, ás 20 horas_Oswaldo Digón, con Outra movida. Trátase dunha peza na que Oswaldo Digón conta todo o importante do que viviu e do que está a vivir, a raíz do comezo da pandemia provocada pola Covid-19. Como se fose un testamento de comedia da nova normalidade, desta Outra Movida. Unha comedia de contos baseada en feitos irreais na que todos os personaxes teñen o nome cambiado para que se poidan identificar con facilidade. 

. Venres, 25 de novembro, ás 20 horas_Marta Doviro, con Memorias dunha rapasa da costa. Neste espectáculo “Marta fala do seu periplo polas distintas vilas do lugar nas que viviu durante gran parte da súa infancia ata hoxe, retratando en clave de comedia, o carácter carismático das súas xentes,  experiencias, vivencias e ata historias reais de piratas”. Ademais, como cinéfila empedernida que é, obsequia ao público cun divertido paralelismo entre a nosa realidade (a realidade galega) e a realidade “hollywoodiense” (a que vemos nas películas). Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural) 

Institucional

Publica o teu comentario agora