Javier Gómez Noya obtén outra Carabela de Prata

Javier Gómez Noya obtén outra Carabela de Prata

05 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O deporte ferrolán se rendirá un ano máis, e xa van catro, ante o mellor deportista ferrolán de tódolos tempos: o triatleta Javier Gómez Noya, campión mundial sub-23 no 2003, campión de Europa en 2007, campión da Copa do Mundo en 2006 e 2007 e campión do mundo en 2008, ademáis de diploma olímpico en Pequín. A súa traxectoria e a excelente tempada realizada o ano pasado foron, a xuízo do xurado, m&e

 Un galardón co que o Concello de Ferrol quere recoñecer ao mellor deportista do ano e que será entregado no transcurso dunha gala que terá lugar o vindeiro venres 13 de marzo, a partir das nove da noite, no Restaurante Illas Gabeiras. Así o anunciaba esta mañá o edil de Deportes, Manuel Santiago, no transcurso dunha rolda de prensa no que avanzaba os nomes dos deportistas que acompañarán a Gómez Noya na gran noite do deporte ferrolán.

 

Así, e segundo explicaba o concelleiro e presidente do Padroado de Deportes,   a gala comezará cunha cea para, a continuación, dar paso á entrega dos premios a aqueles clubes e deportistas máis destacados do ano nas diferentes categorías, dende fútbol a waterpolo, pasando por tenis, remo, xadrez e tiro con arco, entre outros. Así, ata 33 disciplinas distintas. Unha cita, subliñaba  Manuel Santiago,  que ano tras ano congrega aos mellores deportistas locais, directivos e clubes, e que nesta  ocasión contará con Xoán Barro como mestre de cerimonias.

 

Máis polo miúdo e respeto dos galardoados, o responsable das políticas deportivas da Administración local explicaba que por segundo ano consecutivo o triatleta Javier Gómez Noya recibirá de mans do alcalde a Carabela de Prata.  Deste xeito, o deportista  subiráse por cuarta vez ao escenario para recoller a máxima distinción que outorga o Concello de Ferrol nesta materia. Gómez Noya foi nomeado Campión da Copa do Mundo BG 2007 e volvía a sorprender no 2008 gañando todas as competicións que disputaba das probas da Copa do Mundo desta disciplina. En Vancouver gañaría o ouro no Campionato do Mundo de Triatlón e un mes despois se alzaba co primeiro posto na proba da Copa do Mundo en Tiszaujvaros en Hungría, o que significaba a súa sétima vitoria consecutiva e a undécima na Copa do Mundo. Asemade, Gómez Noya participaría nas Olimpiadas de Pequín 2008, nas que quedaba nun meritorio cuarto posto tras sufrir unha serie de problemas estomacais durante a proba. Medalla de Prata da Real Orde do Mérito Deportivo no 2008, a finais dese mesmo ano recibía unha sentida homenaxe na urbe naval ao poñerlle o seu nome ao Complexo Deportivo de Caranza.

 

Neste contexto, Manuel Santiago tamén daba conta dos nomes dos deportistas, clubes, dirixentes e empresas que recibirán as mencións especiais. A deportista e adestradora Carmenza Delgado Castillo, actualmente nas filas do Clube de Halterofilia Ferrol e que acadaba no 2008 a medalla de ouro na categoría de máis de 75 kg do XI Campionato de España Feminino Federacións, a medalla de prata na VII Copa de España e se subiría ao primeiro posto do podio no XVI Campionato de España Absoluta, competición na que tamén acadaría a mellor marca individual da competición; tamén ao Clube Valdetires Ferrol, F.S.F. polo seu ascenso á División de Honra do Fútbol Sala Feminino, e á baloncestista Tamara Abalde Díaz, arestora no Rivas Ecópolis de Madrid e que durante a tempada 2007-2008 militaba no equipo da Universidad de Lamar en Houston. Forma, asemade, parte do combinado español absoluto e foi convocada para xogar na última cita olímpica, onde conseguiría unha meritoria quinta praza.

 

Así mesmo, o xurado acordaba concederlle este recoñecemento a José Luis Fernández Sixto, xogador do TAU Vitoria, co que se proclamaba na pasada tempada campión da ACB e da Supercopa, así como finalista na Copa do Rei e da Final a 4 da Euroliga; ao xogador do clube de fútbol sala Azkar Lugo, Adrián Martínez Vara, elixido pola Liga Nacional de Fútbol-Sala como xogador revelación e convocado pola selección española sub-21 coa que acadou o Torneo Europeo de San Petersburgo. Tamén ao regatista Diego López Díaz, que leva tras de si un longo historial deportivo e que, dende o seu comezo, hai máis de 20 anos e ata hoxe, non deixou de proporcionar alegrías a todos os afeccionados ao deporte da vela. De feito, no ano 2008 acadaría o subcampionato de España Máster. E á tiradora Iria Grandal García, do Clube Tiro con Arco Narón, varias veces internacional coa selección española desta modalidade, subcampiona de España Júnior ao ar libre, así como medalla de bronce no Campionato de España Indoor na mesma categoría. Neste ano acadaba a única bolsa de estudos Blume co fin de traballar cara aos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

 

O tenista paralímpico Alvaro Illobre Saavedra, da Agrupación Deportiva Minusválidos recibirá o Trofeo Patronato Municipal de Deportes, un premio de nova creación para un deportista que ocupa na actualidade o segundo posto na Clasificación Nacional e o 68 na Clasificación Mundial. Asemade, formou parte do Equipo Nacional nas Copas do Mundo dende 1997 ata hoxe e participou como parte dese equipo nas olimpiadas de Sidney 2000 e Pequín 2008, nesta última acadando os cuartos de final en dobres. Mentres,  os iudocas Luis Cano Doce e Leopoldo Cánovas Campos recibirán o recoñecemento como “Vella Gloria”. Mentres, o actual presidente do Clube de Remo A Cabana, Fernando Arias López, será nomeado “Mellor dirixente deportivo”. 

 

O xurado tamén acordou concederlle unha mención especial como “Mellor Promesa Feminina” á  triatleta do Clube Triatlón Ferrol Melina Alonso. E  Alberto Díaz Mbang, do Clube Halterofilia Ferrol, como “Mellor Promesa Masculina”.

 

Todos eles recibirán o recoñecemento e cariño da cidade ao completo e daquelas persoas que queiran asistir en directo á gala do vindeiro día 13. As entradas poden adquirise xa no Padroado de Deportes.

 

Recoñecemento da FETRI

 

Por outra banda, o concelleiro de Deportes anunciou que o Concello recibirá este sábado 7 de marzo un galardón da Federación Española de Triatlón (FETRI) por ser a mellor organización de todas as probas do calendario nacional logo de acoller o pasado mes de setembro o Campionato de España Elite, sub-23 e Grupos de Idade. Un premio,  que recollerá o propio Manuel Santiago no transcurso dunha gala que terá lugar no Auditorio Alfredo Goyeneche de Madrid. Neste senso, Santiago destacaba o traballo desenvolvido polos voluntarios deportivos e as asociación veciñais e subliñaba que o premio que recollerá este sábado é de todos e cada un deles.

Deportes