Javier Paz participará no campionato de España de Kartcross co equipo de Perfecto Calviño

Javier Paz participará no campionato de España de Kartcross co equipo de Perfecto Calviño

20 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O piloto chairego de Kartcross, Javier Paz, dará o salto á categoría nacional, despois de que fora presentado como piloto oficial do equipo Ycartcross de Perfecto Calviño. Paz participará nas 6 probas do Campionato de España, aínda que tampouco abandonará o Galego da disciplina.

Co obxectivo de quedar entre os 10 primeiros no Nacional e mellorar o cuarto posto do Galego do 2008, Javier Paz afronta, desde mañá en Arteixo, unha temporada competida e ilusionante, que rematará en setembro. O piloto de Momán cambiou de escudiría, xa que o ano pasado competía para a portuguesa Semog, mentres que este estreará o novo kartcross do campión de España do 95, Perfecto Calviño.

Este novo equipo leva varios meses de probas e posta a punto nos circuítos galegos de Arteixo e Cerceda e no turolense de Alcañiz. “Este novo coche naceu este ano e era preciso facer probas para ver que non dera faios, rodar e polo a punto. En principio vai ben, aínda non se sacan os tempos do outro coche pero ímonos achegando e seguro que melloramos”, admitiu Paz.

O cambio de cores respondeu a unha maior implicación e modernidade do coche, xa que o Semog “foi un coche moi punteiro. que gañou varios campionatos de España e galegos, pero agora quedou algo atrasado”.

O Ykartcross Calviño ten un peso mínimo de 310 quilos, un ancho de 1, 60 e un largo de 2,60, conta cun motor Suzuki 2008 de 130 cabalos e 600 c.c. e unha centralita electrónica libre.

Para poder afrontar os dous títulos Javier Paz manexa un orzamento inicial de 16.000 euros, 10.000 para o Nacional e 6.000 para o galego. Para elo contou coa axuda de patrocinadores como Estruturas Metálicas As Pontes, Restaurante Tino de Momán, Moncho Santomé de Vilalba, Talleres Rivas de Buriz, Doistrans de Labrada, Xertigán de Momán, Aluminos Balsa de Guitiriz, Cocinas Rey de Vilalba, Frein de Lugo e Titanic de Guitiriz e Construccións Paz de Xermade.

Deportes