ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A segunda longametraxe de Jorge Coira, 18 comidas, inaugura este sábado o XV Festival de Cine Internacional de Ourense. O filme desenvólvese ao longo dunha xornada de ficción, na que se van entrecruzando diferentes historias en seis almorzos, seis xantares e seis ceas. Segundo confesou o propio director en Radiofusión: “realmente do que fala a película é dun grupo de xente que está en momentos críticos da
Luís Tosar, Antonio Mourelos, Camila Bossa, Cristina Brondo, Esperanza Pedreño, María Vázquez, Sergio Peris-Mencheta, Mario Zorrilla, Víctor Fábregas, Fede Pérez, Jorge Cabezas, Juan Carlos Vellido, Milan Tocinovsky, Víctor Clavijo, Ricardo de Barreiro, Pedro Alonso, Xosé Barato e Xosé Manuel Oliveira “Pico” conforman o elenco do filme. Actores de renome en Galicia e España que sucumbiron á tentación de rodar unha película baixo a técnica da improvisación. Coira optou por esta curiosa forma de narrar, pola interpretación como puro xogo, co obxectivo de “recuperar a esencia de contar historias”.
Para iso, os actores e o director comezaron preparando cada un dos personaxes. Despois afondaron nas relacións das diferentes parellas e nos momentos previos á secuencia final e, por último, rodaron a escena. Actores como Víctor Clavijo xa contaban con moita experiencia no eido da improvisación. Non así Antonio Mourelos que tivo que realizar unha inmersión total nesta técnica. O resultado foi do máis satisfactorio para o elenco. En palabras de Jorge Coira: “pegáronse unhas viaxes emocionais moi serias”.
A maioría dos actores son vellos coñecidos do realizador lucense. Non obstante, houbo algún, como Esperanza Pedreño, á que non coñecía, pero en canto llo propuxo, nin o pensou, “aceptou sen ler nin sequera o guión”, afirma Coira. A razón, “parecíalle alucinante facer unha película rodada en improvisación”.
Da banda sonora encargáronse Piti Sanz e Iván Laxe, que acompañan a Luís Tosar en The Ellas e que neste caso pon a voz aos temas.
Outro aspecto curioso de 18 comidas é o idioma. Galego, castelán, inglés e macedonio mestúranse nesta cinta na que Jorge Coira quixo “reflectir unha realidade de lugares como Compostela, onde saes á rúa e escoitas diversidade de linguas”.
Unha película zigzagueante que vai do drama ao cómico e coa que os espectadores se van sentir identificados. O realizador afirma que o público “vai conectar co puro sentimento, xa que aínda que non che pasara nada diso, o nivel de verdade do filme é altísimo” e a empatía está garantida.
18 comidas levaba moitos anos na cabeza de Coira, quen lle deu moitas voltas ás historias, aínda que sen pechalas ata traballar cos actores. O cineasta asegura que “foi difícil pensar en asuntos nos que o importante non fose o resultado final, senón o propio conflito, que tiña que ser rico e interesante”.