José María Souto substitúe a Sonia Verdes no pleno do Concello de Vilalba

José María Souto substitúe a Sonia Verdes no pleno do Concello de Vilalba

23 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O socialista vilalbés José María Souto substituirá á concelleira do PSdeG na capital da chaira, Sonia Verdes, logo de que a actual parlamentaria en Santiago anunciase onte á súa renuncia a este posto para adicarse en exclusiva ao seu posto como voceira do seu partido na comisión de Medio Rural no Parlamento galego.

A deputada autonómica asegurou que esta decisión “reflexionada e tomada a consciencia, permitirá a miña adicación exclusiva o labor parlamentario, coa finalidade de traballar a reo polos galegos e galegas, centrada na actividade que realizamos os socialistas dende esta institución”. Verdes lembrou que esta decisión, engadida a de Concepción Burgo e Beatriz Sestayo, “tomeina porque estou ao servizo do Partido Socialista de Galicia, onde me piden que me concentre na política autonómica e provincial”. Sonia Verdes afirmou que irá “aló onde o partido me crea máis necesaria e útil”.

De todos os xeitos, a vilalbesa sinalou que seguirá vinculada á política do seu concello “colaborando dende a Agrupación municipal socialista, para seguir loitando porque Vilalba e os vilalbeses teñan o que se merecen, unha vila desenvolvida, moderna, que medre, dea servizos a todos os seus habitantes e xere emprego”, dixo. Tamén engadiu que espera volver á política municipal.

Verdes anunciou o abandono do seu cargo como edil, deste municipio lucense, esta mañá nalgúns medios de comunicación. En breves a parlamentaria entregará a súa acta de concelleira.

Sociedade