ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O piloto da Escudería AR Vidal Racing Jose Lamela logrou a vitoria na súa primeira participación na proba de Fene. Os motores comezaron a ruxir no barrio de San Valentín ás 10:15 horas, cando se deu inicio á vixésima edición do Slalom Scratch Fene coas mangas de adestramentos. A proba, que repetía escenario con respecto ao ano pasado, converteuse nun rotundo éxito desde o inicio, cando a lista de inscritos volveu ser a máis elevada de toda a tempada, con 81 pilotxs inscritxs e é que en boca dos pilotos, este percorrido é o que máis gusta do campionato. No deportivo, Jose Manuel Lamela Lojo (Citroën Saxo VTS) logrou a vitoria, volvendo contar Fene cun vencedor da familia Lojo, que con Manolo e Juan, dominaron as 5 primeiras edicións da proba. O tempo de Lamela foi de 1:40:339, avantaxando en menos dun segundo a un Diego Varela que, empregando o Peugeot 206 XS de Aitor Fornos, parou o crono en 1:41:095. En 3ª posición, situouse o local Rubén Gandoy, que tras vencer o ano pasado na proba, este ano non puido máis que conformarse coa 3ª praza do podium con 1:41:651. O campionato galego de slalom, xa estaba decidido para Gandoy antes desta competición na que o fenés aproveitou para festexar o título.
No referido ás distintas agrupacións en xogo, na 1, para vehículos de competición de tracción de menos de 1.200 c.c., o vencedor foi Juan Ramón López en Fiat Cinquecento, na 2, para vehículos de competición de tracción de entre 1.200 e 1.600c.c., Diego Varela con Peugeot 206 XS, na 3, para vehículos de competición de tracción de máis de 1.600c.c., Dani Martínez, con Citroen Xsara VTS, na 4, para vehículos de propulsión, Antonio Amor, con Seat 1430 e na 7, para vehículos de serie até 1.200c.c., Alejandro Pena, con Peugeot 206 XR. En base aos resultados existentes na agrupación 7, Carlos Domínguez de Scratch Fene, proclamouse Campión de Galicia de Slalom da agrupación 7, uníndose ao título, xa obtido antes de Fene na agrupación 1 polo piloto de Scratch Fene, Adrián Ínsua.
Nesta proba, como vén sendo habitual, a escuadra fenesa organizou unha serie de trofeos especiais a maiores dos especificados pola Federación Galega de Automobilismo (FGA). Os vencedores neles foron:
XIX Trofeo de Debutantes Manel Gandoy "Talleres Gandoy": Jose Luís López Fontao (Citroen AX Sport)
XIX Trofeo Feminino "Scratch Fene": María José Chao (Citroen Saxo VTS)
XVII Trofeo Scratch Fene "Kia Corgal": Adrián Ínsua (Citroen AX GT)
IX Trofeo Junior "Espolímero": Jose Manuel Lamela (Citroen Saxo VTS)
VIII Trofeo de Veteranos "NorInver": Antonio Amor (Seat 1430)
V Trofeo de traseiras "EMOD Intelixencia Modular": Marcos Ponce (BMW 318)
III Trofeo de Históricos (pre 81): Antonio Amor (Seat 1430)
Publica o teu comentario agora