Josh Rouse abre mañá en Vigo o Vangardas Sonoras 09

Josh Rouse abre mañá en Vigo o Vangardas Sonoras 09

16 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Como en anos anteriores, a terceira edición de Vangardas Sonoras inclúe cinco concertos entre os meses de febreiro e maio, todos a un prezo único de seis euros.

Tras o concerto inaugural en Vigo, o 6 de marzo, o auditorio da Fundación Caixa Galicia de Ferrol acollerá o concerto do único artista español do cartel, Sr.Chinarro, un dos artistas máis consolidados da escena ‘indie’ estatal que presentará en Galicia o seu último disco, Ronroneando.

Máis tarde, o 18 de abril, e por vez primeira en Galicia, chegará á sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña un dos máis abraiantes grupos do pop británico, The Wave Pictures, responsables dun dos mellores discos do ano, Instant Coffe Baby.

Xa o día 8 de maio, o Teatro Principal de Santiago acollerá o concerto do australiano Aaron Thomas, nunha cita dobre na que actuará como artista convidado Darren Hayman, o antigo líder da banda de culto británica Hefner.

Thomas, artesán pop e boxeador afeccionado durante unha longa estadía en Ucraína, presentará ao público galego o seu marabilloso último traballo, Follow the Elephant, mentres que Darren Hayman, pola súa banda, chegará tamén por primeira vez a Galicia co seu décimo álbum, o terceiro en solitario, Pram Town, debaixo do brazo.

O último concerto desta edición de Vangardas Sonoras terá lugar o día 23 de maio no Café Moderno de Pontevedra e o protagonista será “o Raymond Carver do indie”, Damien Jurado. O brillante e intenso cantautor de Seattle, un dos líderes da escena pop mundial, presentará en Galicia o seu noveno e último álbum, Caught In The Trees, marcado polo seu recente divorcio despois de dezasete anos de convivencia coa súa ex muller.

Sociedade