Juventino Trigo renuncia á alcaldía de Fene

Juventino Trigo renuncia á alcaldía de Fene
02 de Maio, 2025 - 11:14 h. | Publicada por Radio Fene

Juventino Trigo anunciou este mediodía a súa renuncia á alcaldía de Fene. "Non me vou presentar ás próximas eleccións municipais e é mellor facer a remuda de xeito ordenado" indicou. O BNG propoñerá para o cargo á primeira tenente de alcalde, a veciña de San Valentín, Alexandra Permui Meizoso. O pleno que tomará coñecemento da renuncia de Trigo convocaráse previsiblemente para finais da próxima semana. Nos dez dias seguintes marcaráse outra sesión para a elección do novo alcalde ou alcaldesa.

ESCOITA O PODCAST:

Conversa con Juventino Trigo sobre  a súa renuncia á alcaldía:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/020525TRIGO.mp3

Fotografia Xan Xe

Na actualidade forman a Corporación de Fene, 7 concelleiros do BNG, 1 de Esquerda Unida, 3 do PSdeG PSOE e 6 do PP. Forman parte do goberno BNG e EU. 

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, anunciou esta mañá que deixa a Alcaldía e renuncia á acta de concelleiro, pechando unha etapa de traballo intenso e compromiso coa veciñanza. A decisión, tomada “por motivos persoais e de oportunidade política”,  e tras unha profunda reflexión, foi comunicada nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos membros do goberno municipal.

Durante a súa intervención, Trigo expresou o seu agradecemento á veciñanza de Fene, ao seu equipo de goberno, ás traballadoras e traballadores municipais, ás compañeiras e compañeiros de corporación, así como a todas as persoas que depositaron a súa confianza no proxecto nacionalista ao longo dos anos. "Fene funciona grazas ao esforzo colectivo. Deixo a alcaldía con orgullo, sabedor de que compartimos camiño, valores e ilusións", manifestou emocionado.

O alcalde lembrou algúns dos fitos máis importantes do seu mandato: a aprobación dos orzamentos de máis de 16 millóns de euros; a captación dunha das maiores axudas de eficiencia enerxética da historia do Concello (IDAE, preto de 750.000 euros) para a renovación do alumeado público e da rede semafórica; as melloras da rede de abastecemento e saneamento; a posta en marcha do Punto Limpo de Vilar do Colo; a recuperación de espazos municipais; ou o impulso de novos proxectos culturais, deportivos, turísticos, e sociais. "Foron anos intensos, nos que traballamos para facer de Fene un concello moderno, dinámico e referente", afirmou.

Procedemento para a substitución

Unha vez o pleno da corporación tome coñecemento oficial da renuncia, será a primeira tenente de alcalde, Sandra Permuy, quen asuma a alcaldía accidentalmente até a celebración da sesión de elección da nova persoa que asumirá a alcaldía, que se convocará no prazo máximo de dez días.

Sandra Permuy, actualmente responsábel das áreas de servizos, benestar social, seguridade e persoal, acumula unha ampla experiencia no goberno municipal, sendo unha figura coñecida e próxima para a veciñanza.

Notas biográficas

Juventino Trigo (Fene, 1962) foi elixido concelleiro por primeira vez nas eleccións municipais de 2011 liderando a lista do BNG. Accedeu á Alcaldía de Fene no 2015 tras un pacto de goberno das forzas de esquerdas, aínda que non puido rematar o mandato por mor dunha moción de censura.

En febreiro de 2020 volveu asumir a alcaldía, exercendo un liderado firme e comprometido, e desde 2023 goberna en coalición co apoio de Esquerda Unida, impulsando importantes proxectos de modernización e mellora do municipio.

 

Na imaxe, Juventino Trigo no debate electoral de Radio Fene en 2023

Fotografia Xan Xe

Institucional

Publica o teu comentario agora