Labores de roza en Fene

Labores de roza en Fene
22 de Maio, 2026 - 06:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene avanza nos traballos de roza e limpeza nas distintas parroquias do municipio. Desde o Goberno local subliñan que estes traballos contribúen non só á mellora da imaxe e conservación dos espazos públicos, senón tamén á seguridade viaria e á prevención de riscos derivados da acumulación de vexetación nas marxes dos camiños e estradas municipais.

As actuacións xa se executaron en Perlío, Magalofes, Barallobre e Maniños. Continúan actualmente en Fene e Limodre e proseguirán posteriormente en Sillobre. Os traballos estanse a realizar mediante roza mecánica con tractor, complementándose posteriormente con repasos manuais realizados con ferramenta específica, co obxectivo de garantir a correcta limpeza das marxes, zonas de difícil acceso e espazos nos que non resulta posible operar con maquinaria pesada.

O concelleiro de Servizos, Adán Chao, destacou que “estas actuacións forman parte do traballo continuado de mantemento que se realiza ao longo do ano para garantir unhas condicións axeitadas de seguridade e conservación nos viais e espazos públicos municipais”. 

Institucional

Publica o teu comentario agora