Lamas/ Díaz e viceversa

Lamas/ Díaz e viceversa
09 de Abril, 2021 - 12:32 h. | Publicada por Radio Fene

Os músicos feneses, Miguel Lamas e Xavier Díaz, ofrécennos un single "Limiñoa" que darán a coñecer este domingo en diferentes plataformas. O disco completo sairá no mes de maio.

ESCOITA O PODCAST:

Dous talentos musicais de Fene reuníronse nun single que se dará a coñecer o próximo domingo 11 de abril en todas as plataformas. En “Limiñoa” únense o batería Miguel Lamas e a voz de Xavier Díaz, que tamén sabe de percusión. En youtube poderemos ver un videoclip do tema que interpretan xuntos. O single forma parte dun disco que se presentará ao completo na segunda quincena de maio e do que Lamas non quere contar máis para reservarnos unhas cantas sorpresas.

Miguel Lamas é un mozo fenés de 23 anos que acadou fama internacional tocando a batería. Desde ben pequeniño daba os primeiros pasos musicais no colexio Centieiras de Perlío e non parou ata converterse en toda unha referencia. Tocou con artistas de renome dos que cita a Pepe Bao como a persoa que lle deu o primeiro empuxón pero tamén a Raimundo Amador, Melendi ou Maldita Nerea, por citar a algúns. Se mira atrás, hai unha voráxine de viaxes, de concertos, de coñecer xente, pero cos pes na terra. “Eu fíxeno con humildade e aprendendo de todo” afirma Lamas nesta entrevista na que recoñece ser malo no asunto do márketing. “Teño marcas que me apoian como baterista e o meu nome vai soando grazas a eles” afirma este mozo cuxo leitmotiv na vida sempre foi tocar.

Non hai nada que se lle resista porque di “os códigos son sempre os mesmo se ao final encaixa todo” en referencia aos grupos aos que se adapta cando o chaman para tocar con eles. A súa carreira complétase cos concertos didácticos, clinics e as masterclass nos que se prodiga por todo o mundo. “Hai público para iso” asegura. Grazas a ter o seu estudio en Madrid e aos estudios PKO puido salvar este ano de pandemia no que os directos eran imposibles.

Co novo proxecto musical, ese disco que coñeceremos en maio e do que teremos o adianto no single con Xavier Díaz este domingo- un disco cantado- quere ampliar o seu público.

 

(Na imaxe, Miguel Lamas nun concerto na Fábrica de chocolate)

Cultura

Publica o teu comentario agora