A lamprea e a víbora

A lamprea e a víbora
01 de Marzo, 2020 - 10:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Segundo San Basilio, cando a lamprea remonta os ríos, é seducida pola víbora, que dende a ribeira, escusada entre herbas, asubíalle. Entón a lamprea acaroase á ribeira dende onde a tenta co seu asubío a víbora, e ten amores con esta. Os pescadores de lamprea distinguirán unha lamprea que ven da víbora dunha lamprea normal, que remonta o río, segura e confiada en busca do macho? pregúntase Alvaro Cunqueiro.

ESCOITA O PODCAST:
O Chef Rivera e o pescador de lampreas

Para a pesca da lamprea, traballar nas pesqueiras é máis complicado que utilizar as nasas butrón. É noutra zona do río, onde hai máis forza da corrente. As nasas botánnas nunha área protexida na que non é demasiado difícil traballar, segundo o pescador Pepe Barreiro. A lamprea cruza o océano Atlántico. Vai ao mar dos Sargazos e volve a desovar onde naceu, nos ríos Ulla e no Miño. Ven toda do mesmo sitio e non come no río polo que o seu sabor é practicamente uniforme. A lamprea entra coa riada, cando o rio vai cheo de auga, segundo precisa o Chef Rivera. Unha lamprea grande pesa entre un quilo e medio e un quilo oitocentos. Unha pequena, menos de un quilo.

Ao chegar á ría de Arousa, o río Ulla ten que afacerse á luz, poñéndose un pano de bruma nos ollos. Recólleo ao pasar preto da casa na que morreu Rosalía, que llo regala o río Sar, segundo afirma o escritor Miguel González Garcés.

A lamprea en Padrón

As fins de semana do 13,14 e 15 e do 20,21 e 22 de marzo terán sabor a lamprea en Padrón, xa que durante estes días celebraranse as ‘VI Xornadas Gastronómicas da Lamprea’. Este ano un total de oito restaurantes ofrecerán un programa gastronómico coa lamprea como protagonista, e ademais dende a concellaría de Turismo programaron numerosas actividades de divulgación, lúdicas e culinarias.
Para degustar os menús elaborados por cada uno destes establecementos, haberá que reservar previamente, e o prezo será de 30 euros por persoa. Os locais participantes son Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Os Carrisos e o Restaurante O Santiaguiño.
O programa tamén inclúe actividades para nenos e nenas. O venres 13 de marzo ás 17:00 horas haberá charlas sobre a lamprea na Biblioteca, aquelas familias que queiran inscribirse terán que facelo antes do 11 de marzo enviando un email a biblioteca@padron.gal ou no teléfono 981 810 761.
Baixo o título de ‘Conversas clandestinas...no convento de Herbón’, José Manuel García, do programa ‘Come e fala’ entrevistará en directo a un experto en lamprea. E posteriormente, persoal do convento realizarán unha visita guiada polas instalacións ata as pesqueiras –lugar no se que pesca a lamprea-. Esta actividade é gratuíta, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou polo correo electrónico de turismo@padron.gal
O venres 20 de marzo, ás 20:00 horas celebrarse un concurso de empanadas de lamprea, a participación tamén é gratuíta, pero precisa inscrición previa na Oficina de Turismo antes do mércores 11 de marzo. O primeiro premio é de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros. O Concello de Padrón encargarase de proporcionar unha lamprea a cada participante para facer a empanada do concurso.
E para concluír a programación, o sábado 21 de marzo ás 17:00 horas desenvolverase un obradoiro de cociña para aprender a elaborar a tradicional empanada de lamprea, e outros pratos con este produto. Terá lugar no edificio de Servizos Sociais, e malia que é gratuíto, hai que inscribirse previamente na Oficina de Turismo, a través do email turismo@padron.gal ou no teléfono 646 59 33 19.
Para máis información, consulta a web: www.terrasdeiria.com/lampreapadron

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora