Laraxe ten moita maxia

Laraxe ten moita maxia
16 de Novembro, 2020 - 01:02 h. | Publicada por Radio Fene

Un día apareceu en Laraxe unha imaxe de San Lourenzo, e que por iso lle fixeron alí a igrexa. Logo os de Limodre a roubaron ea levaron para a igrexa deles, pero ao pouco tempo, apareceu outra vez no mesmo sitio que estaba antes cos pes cheos de barro, se cre que de volver andando, mostrando así o lugar onde quería estar.

ESCOITA O PODCAST:
Marco de San Lourenzo

O marco de San Lourenzo sinala os limites das parroquias do Porto, Laraxe, Limodre e Maniños. No lugar había unha capela que, ao parecer, quedou destruida ao estoupar uns foguetes almacenados.

Algo característico deste marco e que hai diversos camiños para chegar ata alí, como explica a técnica de Turismo de Cabanas, Eva González. Pero non só é peculiar por dividir Cabanas e Fene, se non que é un lugar cunha atmosfera máxica.

Aínda que non está moi claro, “fálase de que é unha pedrafita de orixe prehistórico” afirma Eva Gonzalez, e que despois da explosión ficou sola coa imaxe de San Lourenzo. A lenda conta que el elixiu Laraxe e non Maniños.

Pero a cousa non remata aquí. Unha tradición fala dos poderes máxicos do marco. Preferiblemente un martes ou un venres re principio de mes, necesitaremos nove pedras, dúas persoas que camiñen con nós en silencio, na casa debe quedar unha vela acesa e un coitelo cravado nun bolo de pan. Unha vez chegados ao marco continuará o ritual.

A espera de que se cumpran os desexos de cada un, unha prenda de roupa e unha esmola ficarán no marco. Cabanas agocha maxia nos seus recunchos, que no caso de Laranxe, están protexidos por San Lourenzo.

Cultura

Publica o teu comentario agora