Lavado de cara

Lavado de cara
12 de Outubro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Marchan a moi bo ritmo os traballos de pintado dos soportais da Praza Ramón Souto de Fene. O proxecto ten como finalidade acondicionar todas as varandas dos balcóns e, sobre todo,  a renovación do illamento e da pintura das columnatas e terrazas, previo saneamento e selado de fendas.

Fotografía Xan Xe

 As obras, adxudicadas en 61.096 euros tras recibir nove ofertas, forman parte do plan de conservación e mellora das dependencias municipais. O ano pasado investíronse 160.000 euros dos fondos POS+ no cambio dos ventanais e carpintarías exteriores co obxectivo de incrementar a eficiencia enerxética do edificio. No mesmo proxecto tamén se modificaron os aseos para facelos accesibles. A actuación que está agora en marcha é, segundo o titular de Obras, Justo Ardá, "un paso máis" na conservación da sede municipal e "un lavado de cara que xa había anos que lle facía falla". O edil incide no "grande cambio" que vai supor o repintado da zona "para que o Concello mostre a súa mellor cara no día a día e nos eventos que se organizan na praza". O financiamento dos traballos será integramente municipal. O Concello concorreu co proxecto ás axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos ocasionados polo mal estado de fachadas en dependencias públicas. Solicitáronse uns 20.000 euros que finalmente non viñeron concedidos por esgotamento do crédito autonómico.

A Praza leva o nome de Ramón Souto en lembranza do alcalde de Fene en 1936 fusilado tras o golpe de estado.

 

Fotografía: Xan Xe

Institucional

Publica o teu comentario agora