Lección de vida

Lección de vida
21 de Febreiro, 2023 - 12:13 h. | Publicada por Radio Fene

Ferrolterra despide a Rafael Pillado Lista. Histórico sindicalista que finou onte, á tarde, aos 80 anos, vítima do cancro que lle provocou a exposición ao amianto. En Radio Fene lembramos a este home que loitou toda a súa vida polos dereitos dos traballadores. Desque se coñeceu a noticia do seu pasamento son moitas as reaccións de pésame de institucións e entidades. A capela ardente está instalada no Tanatorio San Lorenzo de Ferrol. O enterro será mañá ás 11h en Catabois e anunciase para o sábado un acto cívico en San Filipe. Terá lugar, tamén ás 11h, na rampla do Castelo.

ESCOITA O PODCAST:

Finou Rafael Pillado e desaparece con el un pedazo da historia de Ferrolterra, pero quedanos o agradecemento pola súa vida de loita. Pillado nacera en San Cibrao, na provincia de Lugo, pero residiu en Ferrol desde os dous anos, seguindo ao seu pai -preso no Castelo de San Filipe- pola súa militancia antifranquista. Aos quince anos incorporouse á Escola de Aprendices da E.N.Bazán, empresa onde transcorre toda a súa vida laboral. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical, participa na fundación das CCOO. Foi detido e encarcerado en varias ocasións e, polos sucesos do 10 de marzo de 1972, foi procesado polo chamado Tribunal de Orde Público no coñecido Xuízo dos 23 e condenárono a sete anos de cárcere, dos que cumpriu catro por ser amnistiado na transición. Foi confundador do PCG, militou na Asemblea para Unidad dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE. Actualmente colaboraba como inscrito en Podemos. Foi cofundador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, da asociación cultural Fuco Buxán, membro de honor da mesma, e da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA). Institucións e colectivos sociais amosan o seu pesar por esta pérda. “Rafael estará sempre nas nosas lembranzas como persoa loitadora polos dereitos sociais e políticos a prol da democracia e cultivaremos a súa herdanza: dignidade, semente de vencer e alegría”, destacan desde a asociación Fuco Buxán.  

Cinco meses antes da súa morte, Rafael Pillado pedíalle a Xustiza que recoñecera a responsabilidade de Navantia pola exposición ao amianto, causa do cancro que acabou por custarlle a vida. Dispoñíase comparecer no Xulgado ao que pediu amparo fronte a Navantia cando concedeu a derradeira entrevista a Radio Fene. Foi a derradeira batalla que deu Pillado.

Sociedade

Publica o teu comentario agora