A lei de acompañamento: un estrambote polémico para os Orzamentos da Xunta

A lei de acompañamento: un estrambote polémico para os Orzamentos da Xunta

28 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Como se fosen un soneto, os Orzamentos da Xunta para 2011 veñen con estrambote. A Administración Feijóo, ao igual que aconteceu noutras Comunidades tamén gobernadas polo PP, como Madrid ou Valencia, axuntou ao proxecto das contas autonómicas unha lei de acompañamento que, seguindo o mesmo trámite parlamentario, vai máis aló de fixar unhas previsións de gasto e investimento. A través da mesma, o Goberno promoveu modificacións

Os grupos da oposición revolucionaron esta semana a segunda xornada do debate parlamentario arredor verbo dos orzamentos da Xunta para 2011 denunciando prácticas “ilegais e fraudulentas” na actuación do Goberno que socavan a responsabilidade da Cámara Autonómica. Socialistas e nacionalistas puxéronse en pé sostendo carteis nos que definían a Lei de Acompañamento dos Presupostos como un “ataque á democracia”. A súa denuncia ficará nas fotografía de prensa, pero non no rexistro parlamentario xa que os votos do PPdeG rexeitaron as emendas de devolución contra a norma que con carácter urxente a Xunta engadiu ás súas contas realizando modificacións non previstas na fiscalidade e en leis como a do Solo e a de Función Pública. Xa que logo, o texto poderá continuar a súa tramitación.

“Lei trampa, fraude, retroceso democrático”. Con eses cualificativos despachou a oposición a decisión da Xunta rescatar unha figura lexislativa en desuso e verbo de cuxa idoneidade se teñen manifestado dúbidas no Tribunal Constitucional. Porén, iso non arredou á conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, á hora de xustificar a introdución dunha Lei de Acompañamento aos Orzamentos como xa fixera a Administración Fraga en 1998. A voceira do Goberno indicou que fora o Goberno central socialista quen usara por vez primeira este tipo de solución no ano 1994, polo que afirmou que a Xunta “non está a innovar” e tampouco actúa con “criterios escurantistas”. Fernández Currás entende que se trata dun “instrumento adecuado” para desenvolver obxectivos con carácter plurianual. Entre eles, o máis sobranceiro é o permiso para desenvolver parques empresariais en solo rústico protexido. A modificación na Lei do Solo que a Xunta instrúe sen debate na Cámara úsase de xeito “excepcional”, defendeuse Currás. É unha cuestión de “eficacia”, explicou.

“O PP volve ás vellas mañas”, laiouse a deputada socialista, María José Caride, quen criticou que a Xunta faga modificacións “pola porta de atrás”. Referiuse á lei de acompañamento como un “totum revolutum, unha tomadura de pelo e unha burla aos cidadáns”, xa que cambia leis que aínda están en trámite parlamentario ou recentemente ditaminadas polo Parlamento. Coa revisión da Lei do Solo, a Administración autonómica pretende conceder licencias para varios proxectos empresariais cuxo emprazamento presenta problemas, como é o caso da planta de baterías que a empresa Mitsubishi ía construír na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves. María José Caride queixouse de que se queiran agochar coa leis os problemas da Plisan debidos a un erro do Executivo de Núñez Feijóo.

A presentación da Lei de Acompañamento acredita que a acción do Goberno é “ineficaz”, segundo o nacionalista Fernando Blanco, que acusou á Xunta de “non atreverse a facer os cambios polo trámite ordinario” e de “roubarlle o debate á cidadanía”. Ademais, o representante do BNG denunciou que hai outros propósitos agochados tralas reforma urxente da Lei do Solo, como darlle vía libre a novas grandes superficies comerciais.

En defensa da actuación do Goberno saíu o voceiro de Economía do PpdeG, Pedro Puy, quen explicou que de non aceptar a reforma proposta perderíase o pulo económico e a creación de emprego asociada ao proxecto industrial na Plisan.

Institucional