Leituga ven de leite

Leituga ven de leite
13 de Marzo, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A leituga é unha verza de folla grande que na nosa cultura se come crúa, en ensaladas case sempre acompañada de cebola e tomate aderezada con sal, aceite de oliva e vinagre ou limón. Ten fama de ser  moi vitaminada. O nome vénlle do zume que bota, algo leitoso, daí o nome “Leituga”.

A leituga é unha pranta moi mediterránea, coñecida polos romanos, que a gardaban en salmoira para durase máis e servíana ao final da comida, xusto antes das sobremesas doce, polas calidades sedantes e diuréticas que ten. Na Bíblia fálase das leitugas e das súas propiedades. Columela indica como e cando deberá facerse o trasplante do plantón á terra definitiva. Leituga comíase na Idade Media aínda que eran pouco amigos das verzas. Entre as anécdotas está a que conta Brillat- Savarin. Di que o nobre francés Monsieur d´Albignac , arruinado e fuxido da Revolución francesa, fixo fortuna en Inglaterra aliñando a leituga. Parece que o segredo estaba no aceite que utilizaba e que os ingleses descoñecían.

Di Cunqueiro que “A leituga é a mellor das ensaladas, coas súas follas verdes crocantes, é a primavera o que xantamos”. Conta o de Mondoñedo que coñeceu a un que coidaba a ensalada de leituga máis que calquera outro prato e que só pasaban dez minutos desde que saía da terra e xa estaba na ensaladeira, lavada en auga moi fresca. Aliñábaa mesmo xusto antes de comela, porque se se deixa máis tempo, o vinagre traballa queimando as follas que perden rixidez. A leituga fritida e mais os tirabequesson necesarios para facer unha boa minestra. Os gourmets deleitanse cocendo a leituga e poñéndoa no forno, rechea e con graxa de porco ou ou de oca.

Hai moitas clases de leituga, as máis comúns en Galicia son a romana, chamada tamén orella de burro, de follas longas e tesas; a francesa “trocadero” redonda e máis pechada, de follas rizas. Unha moi prezada é a “raíña de maio”, coas follas máis lisas. Tamén está a “iceberg” de follas de cristal, pechada coma un repolo. E andan de moda os corazóns ananos de leituga romana, os chamados “cogollos”. Leituga de mar ou “Lavacan” . Alga verde da beira do mar que queda descuberta na marea baixa. Usouse de forma intuitiva a modo de ensalada, descoñecendo o seu alto contido en vitamina C que evitaba o escorbuto entre os mariñeiros.

Cultura

Publica o teu comentario agora