Lembran a batalla de Elviña

Lembran a batalla de Elviña

14 de Xaneiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Un feixe de actos lembra esta semana a batalla de Elviña que hai douscentos anos enfrentou aos exércitos de Inglaterra e de Francia nas inmediacións da Coruña. O xoves inaugúrase unha exposición de soldadiños de chumbo e o domingo recrearáse o combate que finalizou coa morte de Sir John Moore.

O xoves á unha do meiodia ábrese unha exposición de miniaturas, figuras, dioramas e soldados de chumbo na sala de exposicións do Aula da Natureza Juan Lembeye do Xardín Botánico Ría do Burgo no Paseo Marítimo de O Burgo (Avda. Juan Carlos I, s/n. 15670 O Burgo Culleredo). O domingo clausuraránse os actos de toda a semana cunha visita guiada ao Campo de Batalla, na zona de Elviña (11h.). Logo recrearáse o combate do Burgo na ponte do mesmo nome, ás 13 horas. Alí o Concello de Culleredo realizará unha ofrenda polos caídos na acción. Anúncianse salvas a cargo dos grupos napoleónicos.

Segundo explica Ramón Otero Pedrayo na súa Guia de Galicia, (Editorial Galaxia, 1980), despois da batalla de Bailén do 19 de xullo de 1808, \\\"a rápida intervención de Napoleón coas súas mellores tropas modificou o curso da guerra. Napoleón, perseguindo ao exército inglés mandado por Sir John Moore, que desembarcado en Portugal avanzaba cara Madrid, chegou a Astorga no corazón do inverno, o 1 de xaneiro do 1809. Dende Astorga tivo que regresar á campaña do Danubio, deixando aos mariscales Soult e Ney o coidado de perseguir aos ingleses. (...) Moore non atopando na Coruña os transportes que debían repatriar as súas tropas deu, ao amparo da artillería da praza, durante os dias 14, 15 e 16 de xaneiro, a batalla de Elviña ou da Coruña, atopando nela gloriosa morte, antes de que a chegada da escuadra permitise o embarque das tropas\\\".

Sociedade