Letras Galegas para Begoña Caamaño e para Esmelle

Letras Galegas para Begoña Caamaño e para Esmelle
20 de Xuño, 2025 - 07:20 h. | Publicada por Radio Fene

"Morgana en Esmelle" é unha das obras da escritora Begoña Caamaño, a quen se lle adicará o Dia das Letras Galegas 2026, segundo decidiu esta mañá a Real Academia Galega. Begoña acudiu en xullo de 2012 a Ferrol para participar na Semana Cultural de Esmelle. A profesora de Galego Pilar Patiño presentou o acto e recomendou o libro. "Asústame o abuso de poder pero me asusta máis o poder de abusar" manifestou a escritora nun sentido discurso contra as inxustizas no mundo contemporáneo. 

Begoña Caamaño en Esmelle. Fotografía Radiofusión

A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. 

 

Caamaño, quen debutou na madurez como narradora, aos 45 anos de idade, con 'Circe ou o pracer do azul' (2009). A este título seguiulle 'Morgana en Esmelle' (2012), cuxa publicación coincidiu co diagnóstico de cancro que acabou coa súa vida cando acababa de cumprir os 50. Como xornalista, tras os comezos en Radio Noroeste e Radio Popular, Begoña Caamaño exerceu a partir do ano 1989 en Radio Galega.

 

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o presidente da RAG subliñou a traxectoria da homenaxeada cun labor como xornalista en galego "e en defensa dunha profesión xornalística independente e crítica". "Valorouse a madurez e o valor da súa obra literaria, esas magníficas e espléndidas novelas e a súa traxectoria profesional", resumiu en relación á faceta de escritora e sobre unha elección que saíu na primeira votación e con maioría absoluta. En segundo lugar, quedou Miguel González Garcés, outro dos nomes que se barallou, entre outros.

Pola súa banda, Ana Romaní, portavoz do grupo de académicos e académicas que presentaron esta proposta, remarcou de Caamaño que se trata de "unha figura, unhas letras e unha obra" que van permitir achegarse "á ficción e o xornalismo desde outras lecturas". "Concibe tanto a literatura como o xornalismo como instrumentos do coñecemento e da reflexión", dixo en relación a unha obra que vinculou co pensamento "crítico". Todas as intervenientes remarcaron tamén que desde o ámbito literario é unha "figura singular" e remarcaron que xorde no seu momento "cunha obra de calidade inmensa".

Cultura

Publica o teu comentario agora