Levaba a biblioteca na cabeza

Levaba a biblioteca na cabeza
21 de Abril, 2021 - 11:33 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos da biblioteca de Álvaro Cunqueiro nas vísperas do Día do Libro co xornalista e escritor Miguel González Somovilla, autor dunha recopilación de 200 artigos do literato de Mondoñedo.

ESCOITA O PODCAST:

"De ter que escoller, quédome co Merlín e familia”. Con esta frase despedíase de nós o xornalista e escritor, Miguel González Somovilla, autor de “Al pasar de los años” unha recompilación de 200 artigos do gran Álvaro Cunqueiro do que conmemoramos os 110 anos do seu nacemento en Mondoñedo e os 40 anos do seu falecemento en Vigo.Un novo Día do Libro celebrase o próximo venres 23 de abril co obxectivo de fomentar a lectura e a industria editorial. Con esa desculpa queremos indagar na biblioteca de Álvaro Cunqueiro.

Somovilla dinos que os exemplares máis prezados polo autor mindoniense tenos o seu fillo César Cunqueiro e que moitos outros están espallados ou vendidos. “Non é que fose unha biblioteca moi numerosa. Tiña libros de cabeceira e, aparte dos clásicos, Cunqueiro tiña afeccións diversas que el cita moito nos seus artigos” afirma Miguel G. Somovilla. Defende que se pode facer unha lista a través desas mencións súas. Hai esoterismo, gastronomía…e pon o exemplo do “ Almanaque das boas cousas de Francia”, obra da francesa Elisabet Gramont, duquesa de Clermont- Tonnerre publicado en 1920, que Cunqueiro estimaba moito.

Afirma o noso convidado que, de todas maneiras, os libros de Cunqueiro estaban máis na súa cabeza que nos estantes. Miguel González Somovilla preparou un libro con 200 artigos xornalísticos de Cunqueiro reivindicando que a súa obra é un todo con diferentes rexistros ou xéneros. Afirma que “a obra xornalística de Cunqueiro é tan importante como a literaria” e déixanos, entre outros, un dato extraordinario cando calcula que Cunqueiro escribiu uns 20.000 artigos nos 50 anos da súa carreira literaria.

(Na imaxe, visita á Casa Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo. Abril 2019)

Cultura

Publica o teu comentario agora