Levantamos o mes

O Outlet significou a recuperación do comercio fenés.
03 de Setembro, 2020 - 10:21 h. | Publicada por Radio Fene

A asociación de comerciantes de Fene O Cruceiro valora moi positivamente o Outlet celebrado na última fin de semana de agosto. As tendas recibiron moita xente, recuperáronse economicamente e todo discurriu con normalidade, dentro das medidas de seguridade que marca a Covid19.

ESCOITA O PODCAST:

“Despois de tanto confinamento foi unha alegría para o pobo de Fene” Así se expresa Belén Cuesta, membro da asociación de comerciantes O Cruceiro de Fene referíndose ao Outlet celebrado nesta última fín de semana de agosto. A experiencia por primeira vez de facelo durante tres días foi tan boa que pensan repetir en próximas convocatorias. A valoración dos comerciantes non pode ser mellor, foron días moi intensos, de moita venda e están moi contentas co resultado, en palabras de Sandra González que forma parte tamén de O Cruceiro. As medidas especiais debido á Covid19 se levaron a cabo con total seguridade, regulando a entrada de clientes nas tendas e pechando ao mediodía para poder desinfectar a roupa que se ía probando a clientela.

Segundo explica a concelleira de promoción económica, Ana Basoa, nesta ocasión prescindiron de colocar as jaimas e mesas no exterior das tendas para evitar aglomeracións. Únicamente de promoveu a música e o paseo dos zancudos para indicar que o comercio fenés estaba de festa. Basoa insistiu na importancia do asociacionismo para que todo o comercio poda acceder e beneficiarse das axudas que recibe a asociación. Tamén aclarou que, como institución, o concello apoia a todos e cada un dos comercios, pero potenciará a súa unión. Saía así ao paso das “críticas destructivas” que recibiu dalgún comerciante. “Debemos navegar no mesmo barco polo ben do comercio”, sentenciou.

A asociación O Cruceiro celebrou o pasado luns o sorteo dos vales de 200€ cos que agasallou aos clientes deste Outlet que aseguraron, tanto Belén como Sandra, que atraeu a xente de fora do concello como nunca fixera. “Veuse máis xente nova que nunca” afirman. Ningunha das dúas desvelou canto fixeron de caixa pero coincidiron en que “levantamos o mes” ou que “foi unha arrancadiña” para agora investir na nova temporada.

Sociedade

Publica o teu comentario agora