Libros contra a pandemia

Libros contra a pandemia
26 de Novembro, 2022 - 12:05 h. | Publicada por Radio Fene

“Coa pandemia moita xente recuperou a lectura”. Compróbano na Biblioteca Pérez Parallé de Fene, como explicou a bibliotecaria Carolina Méndez nunha entrevista en Radio Fene na que deu conta dos distintos proxectos que ten en marcha este centro municipal.

ESCOITA O PODCAST:

A Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé, que ten máis de 4.000 usuarios e os seus fondos superan os 40.000 libros, acaba de poñer en marcha o Club de Lectura, que celebra sesións unha vez ao mes, de novembro a maio. As persoas participantes reúnense o último mércores de cada mes de seis a sete e media para intercambiar pareceres sobre o libro que leron para esa sesión. “Centrámonos nos gustos dos usuarios, novela da vida cotiá, thriller e novela romántica, o que máis len os usuarios e intercalamos obras en galego e castelán”, detalla Carolina Méndez. No Club de Lectura poden participar persoas que sexan socias da Rede de Bibliotecas de Galicia. “Normalmente a xente que acude son mulleres de idade adulta, porque son quen máis len e gústalles socializar un pouco e acudir a este tipo de actividades”. Mulleres e público infantil. “Na biblioteca temos un público moi fiel, son os nenos e nenas, temos unha boa colección infantil e solen levar o máximo de libros permitidos”. A Biblioteca de Fene tamén organiza conta contos en coordinación coa Concellería de Cultura. “ Funcionan moi ben e ven moita xente. Para Nadal temos dous conta contos, o 15 e o 16 de decembro, estes son organizados por Cultura”.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora