Licor café

Licor café
09 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

O licor café, como o de guindas ou de herbas, é unha bebida espiritosa que supera os 30º.

O licor é unha bebida alcohólica de máis de 30º, aromatizada a base de macerar herbas, landras ou froitas, inicialmente elaboradas na Idade Media por alquimostas como remedios medicinais ou pocións amorosas. Os escritos antigos atrinúeno á época de Hipócrates. En Galicia somos moi amigos de facer licores de froitas, como os de guindas ou de herbas. É unha tradición relativamente nova, de pouco máis dun século, apunta Fausto Galdo, cando a augardente comeza a ter calidade.

O licor café é un dos licores feitos con augardente dos máis populares de Galicia. Hai centos de fórmulas, ás veces moi complexas e con moitas herbas. Imos ofrecer aquí unha das máis sinxelas. Di Cunqueiro que o licor café é unha fantasía dos Taboada do Pazo de Tor. O licor eucaliptine fáise no Mosteiro de Oseira con sementes de eucalipto de distintas clases e mais de varias herbas. A fórmula ao xeito do Benedictine, é un segredo dos monxes. Licor Pax é o o licor dos monxes bieitos de Samos, en cuxa fórmula entra a semente do eucalipto e trinta e sete prantas máis. O incendio que sofríu o mosteiro en 1951 comezou na licoreira.

Receita básica de licor café: Disolver nun litro de augardente cuarto quilo de café moído. Facer xarope con medio quilo de azucre e medio vaso de auga. Darlle un fervor e botarlle a cortiza relada de medio limón, canela en rama e un cuarto de tableta de chocolate amargo. Arrefriar, mesturar todo e deixar repousar quince dias revolvendo de cando en vez. Coar a emulsión cunha manga e embotellar.

E coidadiño cando se beba porque, como di Lamatumbá na canción "Licor do negro café" podemos acabar abrazados como amigos. 

"Licor do negro café,

que me tumbas, que me matas.

Licor do negro café,

fásme andar a catro patas".

Cultura

Publica o teu comentario agora