Limodre honrará a Santa Olaia na segunda semana de decembro

Limodre honrará a Santa Olaia na segunda semana de decembro

30 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Organizadas pola Asociación de Veciños da parroquia, as festas patronais de Limodre desenvolveranse este ano entre o venres 11 e o domingo 13 do mes de Nadal. A principal novidade do programa é, segundo o presidente da entidade, a celebración do baile o primeiro día, pasando do sábado ao venres por petición dos propios veciños.

O dúo Caramelo amenizará o baile no local social Juan Varela o venres día 11, a partir das dez e media da noite. Para a xornada do sábado anúnciase unha misa cantada, ás doce e media da mañá, na igrexa parroquial. Xa o último día haberá de novo función relixiosa, despois do percorrido que realizarán pola parroquia un grupo de gaiteiros. A misa, adicada á Patrona, comezará á unha e cuarto da tarde e será cantada polo Coro de Franza. Ao remata haberá unha sesión de foguetes.

Outra das citas tradicionais do mes de decembro na parroquia fenesa de Limodre é a do festival de Panxoliñas, fixado este ano para o venres 18, na Igrexa Parroquial. Comezará ás oito e cuarto do serán e contará coas actuacións das corais “Amistade” da AAVV do Couto (Narón) e a Polifónica “Casino Progreso de Franza”.

Dende a AAVV de Limodre lembran asemade que, ata o vindeiro 5 de decembro, permanece aberto o prazo de inscripción para o X Campionato de Tute que se celebrará na sociedade e que comezará o vindeiro día 7.

Sociedade