Limpeza do rio Cádavo

Fíxose a limpeza das beiras do río dende o estanque do Concello ata as casas de Astano
28 de Novembro, 2018 - 01:28 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene conclúe a limpeza das beiras do cauce do río Cádavo para previr inundacións. Os traballos complementaron á intervención realizada na canle. Buscase con esta actuación, previr desbordamentos e inundacións nos meses de choiva.

O concelleiro de Medio Ambiente, César Castro, informou esta mañá do remate dos traballos de limpeza das beiras do cauce do río Cádavo. Unha medida coa que, sinalou, se busca actuar para previr desbordamentos e inundacións nestes meses de choiva. Non só iso, tamén acondicionar o cauce para a posta en valor deste espazo como zona de paseo e ocio da veciñanza. Os traballos contemplaron a limpeza das beiras do río dende o estanque do Concello ata as casas de Astano; o desbroce e limpeza da baranda do propio estanque; a retirada de ramas que obstaculizaban o paso natural do rio ou daquelas que corrían o perigo de caer ou romper, e elimináronse malas herbas en varios puntos que exercían de tapón natural.

Ademais, retiráronse restos de biomasa arrastrada polas correntes, a crecida ou directamente das árbores, así como restos de lixo e plásticos. En todo caso, o edil sinala que o Concello actuará próximamente na canle á altura das casas de Astano, pero con outro tipo de maquinaria especial. Os labores contaron cun orzamento de 9.360 euros, procedentes de fondos municipais, e o prazo de execución dun mes.

Esta intervención vén completar a realizada hai uns meses, cando se levaba a cabo a limpeza do río Cádavo nos tramos que discorren por solo urbano -o entorno do paso baixo a avenida Marqués de Figueroa, a rúa San Salvador, o tramo do Parque do Cádavo e o estanque do Concello-. Actuábase ao longo de 480 metros repartidos en catros treitos localizados co mesmo obxectivo: evitar os anegamentos que, cada inverno, se rexistran polo desbordamento do río, especialmente no seu treito final en Perlío.

Institucional

Publica o teu comentario agora