A Lomba e As Picas

A Lomba e As Picas
17 de Marzo, 2021 - 02:40 h. | Publicada por Radio Fene

Nestes días púxoselle o ramo a dous proxectos relacionados coa mellora viaria e dos servizos básicos nos lugares do camiño da Lomba, en Barallobre, e no das Picas, en Magalofes, nos que o Concello de Fene investiu en conxunto algo máis de 115.000 euros. As actuacións no camiño da Lomba consistiron no aglomerado de todo o trazado xunto coa instalación das canalizacións sanitarias e de abastecemento, mentres que no entorno das Picas se fixo unha ampliación do saneamento seguida tamén da reparación da pista. Ambos proxectos fináncianse con fondos provinciais.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, visitou esta mañá as obras nas Picas trala recepción dun proxecto executado por Construcciones González y González S.L. nun prezo de 41.321,5€. Neste lugar de Magalofes soterrouse unha nova canalización para dotar a catro vivendas do servizo de saneamento municipal. Na práctica significa a ampliación da rede conectándoa por gravedade ao colector O Feal - O Regueiro, completado o ano pasado, cuxo tramo final se encontra uns 250 metros máis abaixo seguindo a pista (que tamén se amañou trala obra). Ademais de achegarlle saneamento aos domicilios xa construídos, o Concello deixou preparada a infraestrutura de cara ao futuro. "A zona ten a cualificación de solo rústico apto para urbanizar, de maneira que as novas construcións que se poidan facer nos próximos anos xa terán dispoñible a rede de saneamento", explicaba esta mañá o rexedor.

Melloras no camiño da Lomba

Juventino Trigo tamén asinou hoxe a acta de recepción doutro proxecto de obras xa finalizado: a renovación do firme e a instalación de canalizacións soterradas no camiño da Lomba, en Barallobre. O importe total dos traballos -efectuados por Excavaciones Saavedra y López S.L.- ascendeu a 73.900 euros. Unha das finalidades da intervención foi mellorar o acceso á decena de vivendas existentes na zona -e tamén aos predios que se intercalan entre elas-, así como deixar listo para varios anos o enlace entre o Revolto e Nogueirido, en Barallobre. En todo o trazado -preto de medio quilómetro- botouse novo firme aglomerado que foi precedido do obxecto principal da obra: a instalación de conducións para o abastecemento de auga municipal e para a evacuación de augas residuais.

"O saneamento e o abastecemento chegaban ata Nogueirido e o Revolto e agora tamén  percorren todo o camiño da Lomba pasando por Romariz. De paso que se ampliaron estas redes aproveitouse para aglomerar toda a pista buscando maior durabilidade do firme e maior protección para as tubaxes que hai debaixo del", comenta Juventino Trigo ao tempo que destaca que os traballos desenvolvidos aquí e nas Picas teñen como principal valor "a ampliación de servizos básicos a dous lugares de Fene que non dispuñan deles".

(Na imaxe, o camiño da Lomba en Barallobre)

Institucional

Publica o teu comentario agora