Louzán visita as obras en Catapeixe e Quintela

Louzán visita as obras en Catapeixe e Quintela

03 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O presidente provincial, Rafael Louzán e o director provincial de infraestruturas, Agustín Hernández, visitaron onte as obras das estradas de Catapeixe e Quintela, en Redondela. A Deputación de Pontevedra investiu alí máis de 2 millóns de euros en obras de mellora da seguridade vial e dotación de servizos.

Na estrada provincial que une Redondela e Catapeixe, o organismo provincial investiu 880.620 euros na explanación e pavimentado do vial ó longo de perto de un quilómetro, e tamén acometeu a dotación de beirarrúas, rede de sumidoiros, rede de abastecemento, rede de media e baixa tensión, rede de comunicacións, alumeado público. Así mesmo, realizáronse tamén os correspondentes traslados de peches, diversas obras complementarias, instaláronse elementos de sinalización e balizamento e elaborouse un plan de seguridade e saúde.

Por outra banda, Louzán visitou tamén a estrada que comunica Redondela-Cepeda, onde supervisou o estado final das obras que desenvolveu a Deputación ó longo de perto de cinco quilómetros de vía. Nesta actuación o organismo provincial investíu unha cantidade de 1.224.057 de euros que se destinaron á pavimentación do firme, á dotación de beirarrúas, rede de sumidoiros, abastecemento e rede de baixa e media tensión, alumeado, rede de comunicacións e as correspondentes obras complementarias.

O presidente do organismo provincial estivo acompañado dos concelleiros de seguridade, Eduardo Reguera, o edil de vías e obras, Manuel Iglesias así como da popular Francisca Canal.

Institucional