Luar na Lubre na Festa da Marosa de Burela

Luar na Lubre na Festa da Marosa de Burela

08 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O grupo máis internacional da música galega, Luar na Lubre, encabeza o cartaz da Festa da Marosa que encherá de festa Burela (Lugo) o venres 15 e sábado 16 de maio. Ademáis da música, os encontros gastronómicos, obradoiros de baile e pezas teatrais enchen o programa dun evento que pretende convertirse en exaltación da multiculturalidade.

Burela acolle os días 15 e 16 de maio a Festa da Marosa “Goza co saber dos povos” que nesta edición achegase a praza da Mariña. Serán dúas xornadas cheas de actos e actividades nas que se mestura a música, o teatro, o audiovisual e a gastronomía.

O obradoiro audiovisual “Canta Claro” abre o programa de actividades do festexo na praza de Abastos o venres 15 ás 18:00 horas. Máis tarde, ás 20:00 horas, a praia da Marosa acollerá a estrea da composición musical “Marcha da Marosa”, composta por Edelmiro Fernández, dentro da sección denominada “Música ao por do sol”. Ás 21:30 horas, o teatro será o protagonista por excelencia. A Casa da Cultura acollerá a estrea da peza “Obra: No Coment” de Excéntricas Producións. Xa por último, ás 23:00 horas dará comezo a “Foliada do Norte” na que participarán “grupos de recoñecido prestixio dentro e fóra das nosas fronteiras” como “Foula”, “Banda das Crechas” e “Tiruleque”, asegurou a organización do evento.

Ao día seguinte, o sábado 16 de maio, a troula comezará a media mañá na praza da Mariña baixo un programa de xogos para os máis novos titulado “Castelos no Aire”. Logo disto, o grupo de folk “Os Festicultores” amenizará a sesión vermú e, ás 14:30 horas, dará comezo “O Xantar de Cuadrillas”, o encontro gastronómico “cocido pataqueiro”. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o obradoiro de baile “Seica-baila-lo-suelto”. Á noite, ao redor das 22:30 horas, a praza da Mariña acollerá, por segundo día consecutivo, un festival musical no que participarán “Clan Maragato”, “Luar na Lubre” e “Galegoz”.

Sociedade