Lucía Sanchez Meitín publica a súa primeira novela

Lucía Sanchez Meitín publica a súa primeira novela

17 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A xovense Lucía Sánchez Meitín acaba de sacar á rúa a súa primeira novela, do xénero histórico romántico, baixo o seudónimo de Rita Morrigan. A editorial arxentina Vestales publicou “Dulce camino espinoso”, que está a rexistrar boas vendas, o que resulta un éxito inesperado para a autora, ademais de darlle outras satisfaccións polo interese que esta xerando.  Lucía Sánchez Meitín

Rita Morrigan, o seu nome como novelista comentou que escribir a novela foi como unha terapia nun momento dificil da súa vida. Di que todo o que ocorreu despois foi inesperado “ familiares e amigos animaronme e contaxiada do entusiasmo mandei o traballo a varias editoriais de literatura especializada. A editorial Vestales, especializada en literatura hispanoamericana escrita por mulleres  foi quen se decidiu a publicar o libro”. Lucía Sánchez comentou tamén que a novela está a ter moi boa acollida, “saiu en decembro e polo de agora tivo unha gran acollida, para ser dunha autora novel. En España xa hai librarías que a teñen e pódese mercar tamén por Internet”.

A escritora xovense declárase lectora empedernida pero sente predilección polas novelas románticas e a época victoriana, polo que cando se puxo a escribir fixoo sobre algo que lle gustaba. En canto á “Dulce camino espinoso”, ela describea como “unha historia de amor entre un home e unha muller. Ademais tentei reflectir outras tipoloxías de amor, o familiar, o fraterno e o filial, así como pola xente que xa non está, como o da protagonista polo seu pai, o amor polos animais que nos acompañan ou o da amizade, que son os amores que realmente escollemos. E tamén falo do orgullo propio, o amor por nós, porque penso que para que alguén nos ame antes debemos querernos a nós mesmos, como a protagonista, que está orgullosa de ser dunha clase social pobre. Todos os que escribimos reflectimos o que nos sorprende ou nos rodea”

Rita Morrigan aclarounos que cando se pon a escribir entra nunha especie de trance e pode pasarse traballando ata 10 horas ó día por iso xa ten en mente outros proxectos. Un deles é rematar un novo   libro no que teñen continuidade dúas persoaxes desta primeira novela e tamén un proxecto sobre Guerra Civil e segunda Guerra Mundial, que conta co apoio do Concello de Xove, que aposta pola recolleita da memoria histórica do pobo e polo traballo da xente nova.

A presentación de “Dulce Camino Espinoso” será o próximo sábado 19 de marzo ás 18:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove.

Sociedade