Lucas Ferro Caaveiro e a cidade de Lugo

Lucas Ferro Caaveiro e a cidade de Lugo

08 de Decembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Casa do Concello de Lugo é quizais a obra máis rechamante das obras do arquitecto Lucas Antonio Ferro Caaveiro na cidade das Murallas. Trátase dunha das máis fermosas construcións do barroco civil galego para a profesora Dolores Vila Jato. Conxuga o ar de pazo coa "loggia" interior aberta, propia das construcións urbanas italianas. Ferro traballou en Lugo durante once anos, entre 1727 e 1738.

A obra remátase en 1738 segundo a inscrición da parte superior da fachada. É difícil atopar precedentes para a distribución arquitectónica dada por Ferro Caaveiro á fachada do Concello, pero nela resaltan o dominio da horizontalidade e a ampliación do espazo externo por medio de soportais. No remate do edificio poténcianse os pináculos e elementos aéreos.
A fachada presenta oito arcos de medio punto, apoiándose en pilares. Un deles oculta a entrada, onde se atopaba a garda da cidade.
En altura, a fachada consta de dúas plantas unidas na parte central e nas esquinas por pilastras adosadas aos pilares central e laterais respectivamente. Sobre o corpo de arcadas, desprégase o segundo piso, o "piano nobile" do edificio, con balcón corrido sostido por decorativas ménsulas de follas de acanto resaltadas sobre placas rectangulares. Nas esquinas deste corpo principal, sobre as pilastras que o unifican en altura, campean dous escudos coas armas da cidade de Lugo.

Capela de San Roque

Lucas traballa como aparellador en 1727 con Fernando de Casas e Nóvoa na Capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes.  Catro anos despois (1731) a confraría contrátalle a Ferro Caaveiro a erección da Capela de San Roque. A fachada encomendada ao arquitecto difería da que hoxe existe, debido ás remodelacións levadas a cabo entre 1847 e 1855.  

Máis alá desta obra, Lucas Ferro converterase no verdadeiro iniciador da arquitectura civil lucense. A Casa dos Sangro, na rúa do Miño, reflectirá o esquema ornamental do "barroco de placas" compostelán. Organiza todo o molduraxe partindo de dúas grandes volutas enroladas, que se apean en placas semicirculares de escaso resalte, pero acusado énfase decorativo, aspecto este que caracterizará a toda a arquitectura do mestre, preocupado polo efecto ornamental e o refinamento dos perfís.

Lucas Ferro Caaveiro construirá outras casas na cidade, unha na rúa de San Pedro, e outra na rúa Batitales, esquina á Praza Maior. Ademais deixará pegada nunha escola de canteiros e arquitectos que continuarán durante anos os seus postulados.  

Bibliografía: VILA JATO, MARIA DOLORES. Lugo Barroco. Deputación de Lugo.  Lugo, 1989.

Cultura