ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Na volta do Cádavo funcionou o mercado de Fene a comezos do século XX. O avogado Rodrigo Sanz mediou diante da familia Cela para que cederan a parcela onde finalmente se instalaron postos de venda a onde acudian labregos e labregas da zona para ofrecer os seus produtos á cidadanía. Era tamén o lugar onde se celebraba o Entroido e mozos e mozas tirábanse olas de barro para facer a xolda. En 2026 ese mesmo espazo recupérase como área de encontro, descanso e conversa.

O Concello de Fene vén de instalar o primeiro Faladoiro, unha nova iniciativa coa que pretende recuperar pequenos espazos urbanos para convertelos en lugares de encontro, descanso e conversa entre a veciñanza. O primeiro destes espazos está situado na Avenida Naturais de Fene, nun punto especialmente frecuentado, e nace coa vocación de ofrecer un lugar cómodo e agradable onde facer unha pausa, compartir unha conversa ou simplemente desfrutar da contorna. A presenza de sombra e dun mobiliario pensado para favorecer a estancia converten este novo espazo nun punto de encontro aberto a persoas de todas as idades.
A actuación está impulsada desde a área de igualdade e intégrase na aposta municipal por crear espazos públicos máis accesibles e pensados para as persoas. Ademais, os Faladoiros incorporan elementos identificativos que reforzan a mensaxe de igualdade que o Concello promove nos espazos públicos.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “os Faladoiros nacen cunha idea moi sinxela pero moi necesaria: recuperar o espazo público como lugar de encontro entre as persoas”. A rexedora explicou que “queremos que as rúas e prazas non sexan só lugares de paso, senón tamén espazos onde sentarse, conversar, descansar e fortalecer as relacións entre a veciñanza”.
Permuy sinalou ademais que “esta iniciativa encaixa coa nosa maneira de entender o urbanismo, poñendo ás persoas no centro e creando espazos máis humanos e acolledores”. Neste sentido, avanzou que “o Faladoiro da avenida Naturais de Fene é o primeiro dunha rede que iremos ampliando progresivamente noutras zonas do municipio, recuperando pequenos recunchos urbanos para darlles un novo uso social”.
Desde o Concello destacan que esta actuación forma parte da estratexia municipal para mellorar a calidade dos espazos públicos, fomentando a convivencia, a igualdade e a creación de lugares que favorezan a vida comunitaria. O obxectivo é estender progresivamente esta iniciativa a diferentes parroquias, creando novos Faladoiros adaptados ás características de cada contorna.
Publica o teu comentario agora