Máis accesible e cómodo para vivir

Máis accesible e cómodo para vivir
27 de Novembro, 2020 - 09:26 h. | Publicada por Radio Fene

O barrio de San Valentín en Fene vive estes días os últimos compases do proxecto de reurbanización dos bloques II e V, que supuxo tamén a renovación do firme en parte da Avenida da Cooperación. O obxectivo destas obras practicamente finalizadas é continuar avanzando na mellora da habitabilidade deste núcleo, o máis densamente poboado do concello e tamén un dos que requiren maior investimento en infraestruturas. De feito, á fase que agora se está desenvolvendo destinaranse máis de 124.000 euros e hai escasos meses rematouse outra nos bloques III e IV por valor de 86.500.  "En breve contrataránse máis actuaciónns que farán do barrio un lugar máis accesible, agradable e cómodo para vivir" apuntou o alcalde, Juventino Trigo.

Juventino Trigo e Mar Piñeiro en San Valentín

A principios desta semana levouse adiante o aglomerado da parte da Avenida da Cooperación que cruza o barrio de leste a oeste, ao tempo que se apuraban os últimos traballos de albanelaría entre os bloques V e IV colocando as baldosas vermellas elixidas para a renovación dos lugares de paso. Unha vez finalice esta parte de obra pura e dura só quedará pendente repoñer con flor e verde os parterres que encabezan o espazo entre edificios. 

 

Con iso -e co pintado da sinalización horizontal e das prazas de aparcadoiro- quedará lista unha nova fase dese "traballo que o Concello está facendo pouco a pouco e na medida das súas posibilidades para renovar todo San Valentín", indica Juventino Trigo. O alcalde explica que nos labores que se ultiman estes días se van investir máis de 124.000 euros procedentes do POS+ Adicional de 2018. Trigo recorda que a comezos do verán se recepcionou a fase correspondente aos bloques III e IV -86.542€- e avanza que "xa están na liña de saída" outras dúas actuacións.

 

O rexedor refírese a dous proxectos acollidos ao POS 2020 aos que se lle conta dar luz verde dentro de pouco. O primeiro deles está cuantificado en case 200.000 euros e centrarase na reurbanización do entorno das torres I, II e III. O traballo será o mesmo que ultima estes días nos bloques centrais: reparar beirarrúas, eliminar barreiras arquitectónicas, acondicionar os espazos entre edificios e, de paso, substituír canalizacións soterradas de pluviais e sumidoiros.

 

O outro proxecto que se conta licitar en breve será a primeira fase dun novo espazo de lecer ao carón do paseo marítimo. Trátase dunha área recreativa orzamentada en 60.700 euros que nestes momentos agarda pola autorización da Demarcación de Costas para poder saír a contratación pública.

 

O alcalde verificou este xoves o desenvolvemento dos traballos aínda en marcha na compaña da concelleira de Obras e Servizos, Mar Piñeiro, e recordou que entre este ano e mediados do 2021 levaranse investido "á beira de medio millón de euros en infraestruturas que sen dúbida contribuirán a mellorar a calidade de vida no barrio". 

 

Porén, Trigo tamén sinalou que, alén das obras, "a prioridade do Concello tamén debe ser que se garantan outros servizos", en alusión ao traslado de Mercadona ao Vilar do Colo e á demanda de que Abanca "asegure un funcionamento axeitado da súa oficina".

Institucional

Publica o teu comentario agora