Máis aparcamento para Sillobre

Máis aparcamento para Sillobre
14 de Setembro, 2022 - 06:24 h. | Publicada por Radio Fene



O Concello de Fene ampliará a superficie para o estacionamento de vehículos fronte ao cemiterio parroquial de Sillobre. O Goberno local pechou recentemente o acordo de compra dun terreo. Ten unha superficie duns dous ferrados e xa está escriturado a nome do Concello. 

Parcela municipal en Sillobre

O Concello destinou 18.000 euros de investimento á compra desta nova parcela, que mide 1.181 metros cadrados e próximamente será acondicionada como área de estacionamento, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo. 

Coa adquisición desta propiedade o Concello dará cumprimento a unha vella demanda veciñal ao solucionar a falla de espazo de aparcamento cando hai cerimonias fúnebres, pero tamén en días de festa ou cando se celebran actividades organizadas pola SCRD Agarimo que congregan numeroso público, segundo informou o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo. Explicou que a parcela está cualificada "como equipamento dotacional relixioso vinculado ao cemiterio veciñal". Un uso que seguirá tendo reconvertida en aparcamento "co que ampliaremos considerablemente o espazo de estacionamento na zona, tal e como pediron os veciños e veciñas en varias ocasións".

O responsable municipal de Urbanismo engade que a compra foi acompañada dun informe técnico coa valoración do terreo "que coincidía coas pretensións económicas da familia propietaria, á que lle agradecemos a súa boa disposición para que a parcela sexa por fin pública e cunha finalidade que beneficiará a toda a parroquia".

Neste momento nas inmediacións do camposanto de Sillobre, situado a uns 200 metros da igrexa parroquial e do local da SCRD Agarimo, hai marcadas 26 prazas de aparcamento -sen contar as marxes de Doutor Sixto Mauriz-, que a nova superficie incrementará "en aproximadamente 40 máis, dependendo de como se distribúan".

Manuel Polo avanza neste sentido que os servizos técnicos municipais xa están preparando o correspondente proxecto de remodelación do espazo, co obxectivo de poder solicitar as autorizacións sectoriais pertinentes e licitar os traballos "no prazo máis breve posible".



 

Institucional

Publica o teu comentario agora