Máis danos polo coronavirus

Máis danos polo coronavirus
24 de Novembro, 2021 - 06:38 h. | Publicada por Radio Fene

Un morto e catro contaxios máis no edificio de Fene no que faleceu a muller de 58 anos sen vacinar. Unha veciña do mesmo inmoble, de 79 anos e con patoloxías previas, faleceu tamén con covid no CHUF. Con iniciais M.C.F.D. era dunha familia moi coñecida en Perlío. Recibiu sepultura esta tarde no cemiterio parroquial. 

Cribado do coronavirus en Moeche. Fotografía César Galdo

Fene e Ferrol son os municipios onde máis medra a incidencia do coronavirus. O promedio de novos casos duplicouse de seis a nove diarios en case unha semana. En Fene pasouse de 23 novos positivos nunha semana a 24, e de 38 a 39 en dúas semanas. Nas últimas horas faleceu unha muller de 79 anos ingresada con covid no Arquitecto Marcide. 
A cifra de falecidos por covid na área Sanitaria de Ferrol desde que comezou a pandemia elevouse a 231 o pasado día 12, tras o falecemento no seu domicilio dunha muller de 58 anos sen patoloxías previas, segundo consta no informe emitido o luns da semana pasada pola Consellería de Sanidade. A falecida é unha veciña de Fene coas iniciais  A.L.L.A, casada e con dous fillos, que non se vacinou contra o coronavirus. «Foi unha decisión persoal que ela tomou, nós si estamos todos vacinados e insistímoslle, pero non podiamos levala á forza», manifestou o agora viúvo, J.A.G., engadindo que a súa muller non era partidaria dos médicos e levaba anos sen pisar unha consulta.
O fatal desenlace produciuse a madrugada do venres 12. «A semana pasada tivo un arrefriado, sen tose nin febre, pero ao non ter ningún outro síntoma non pensamos que se tratase do covid. Esa noite comezou a respirar mal e cando espertei as tres da madrugada xa estaba falecida», relatou o marido, segundo informa a edición dixital de La Voz de Galicia. 

A súa reacción inmediata foi chamar ao 112 e unha ambulancia do 061 desprazouse ao seu domicilio, en Perlío. Pero o médico non asinou a acta de defunción, polo que o caso pasou a ser unha morte xudicial. E a partir dese momento mobilizouse á Garda Civil de Fene, o forense e o persoal da funeraria que se encarga dos traslados xudiciais, que acudiron ao citado domicilio. O cadáver da muller levárono ao hospital Naval de Ferrol para practicarlle a autopsia. Realizóuselle unha proba de detección do covid e deu positivo. Sobre as doce do mediodía alertouse do descubrimento á familia e ao persoal dos servizos que estiveran na vivenda esa madrugada, para que se sometesen a probas PCR. O persoal da funeraria e o forense deron negativo.

En canto á familia realizaron as probas o viúvo, os dous fillos do matrimonio, e os pais da falecida. Todos deron negativo, en principio pero o esposo deu positivo nunha segunda PCR e mantén o confinamento. O cadáver da falecida foi velado no tanatorio da Gándara coas restricións en vigor, co fin de evitar os contaxios. Recibiu sepultura no cemiterio de Laraxe, en Cabanas. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora