Máis de 1.300 persoas visitaron as mostras do primeiro trimestre expositivo do Torrente

Máis de 1.300 persoas visitaron as mostras do primeiro trimestre expositivo do Torrente

28 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un total de 1.315 personas visitaron desde o pasado 28 de xaneiro, día da súa inauguración e ata o 24 de abril, día da súa clausura, as propostas que o Concello de Ferrol ofreceu no Centro Torrente Ballester correspondentes ao primeiro trimestre expositivo do ano: “Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre a infancia”, “Bruno” e “Elas, nos fondos do CTB”.

“Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre a infancia”, estivo aberta ao público na zona antiga e nova do CTB.  Repetiu en certa medida o esquema doutras exposicións celebradas no CTB, como A Rebelión dos Xéneros, na que partiamos dunha imaxe clásica que se complementaba e dialogaba con pezas de artistas contemporáneos. En grande parte das representacións clásicas, sobre todo no século XIX, mostrábase unha imaxe amable da infancia, sempre en relación co ámbito familiar, como é o caso dos retratos dos fillos de pintores e burgueses. Esta representación amable contrasta cos graves conflitos sociais que provocaban que a maior parte dos nenos vivisen nunhas condicións dramáticas que case nunca aparecen reflectidas nas pinturas. 

A elección da infancia como fío condutor garda relación coa intención de comunicar ideas sobre a nosa cultura, tradicións e mesmo sobre aqueles tabús que aínda hoxe planean sobre o mundo dos nenos. A mirada que nos interesa subliñar afástase das canles tradicionais que mostran a infancia como un estado idílico e desinhibido construído polo imaxinario adulto. De aí que na selección proposta xogase un importantísimo papel a contraposición de épocas e de miradas, da arte considerada clásica coas súas imaxes amables e preciosistas, e a contemporánea, máis próxima a nós e sabedora que a infancia é o xeito máis eficaz de manter viva a nosa memoria. “

Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre a infancia” estivo composta por obras de Rosalía Banet, Sergei Bratkov, Manuel Eligio Buch Sñaez, Jenaro Carrero, Xesús Corredoyra, Dionisio Fierros, Cristian Gradín Carbajal, Rita Lin, Teresa Hubbard& Alexander Birchler, Enrique Marty, Rebeca Menéndez, Román Navarro, Pablo Otero Huertas, Ramón Parada Justel, Laura Pernás, Ignacio Pinazo, Nicanor Piñole, María Roesset e Matías Sánchez.  

A segunda das propostas foi “Bruno”, de Ramiro Fernández Saus, montada na Sala de Proxectos. A obra deste autor (Sabadell, 1961) transcorre á marxe de modas e imposicións de mercados. Tendo en conta a velocidade á que circulan as tendencias e os gustos na sociedade da información global, onde a busca da novidade ou da simple ocorrencia parece constituír un fin en si mesmo, a pintura pausada e franca de Ramiro remítenos a un tempo onde aínda é posible gozar da grandeza das pequenas cousas. Unha aposta sen dúbida arriscada coa que logrou seducir a un público fiel ao longo de todo o mundo.

O proxecto que se presentou na Sala de Proxectos do CTB consistiu nunha colaboración conxunta entre Ramiro Fernández Saus e Susana Cendán, responsable de contidos do CTB, a cal redactou un texto inspirándose nunha serie de pinturas que o artista lle proporcionou previamente. O resultado foi unha narración ficticia protagonizada por un can, Bruno, disposto a relatar as aventuras do seu amo, o barón Rodolphe Dumont, un espírito libre cuxa vida recolle o romanticismo e o sentido tráxico dos heroes da literatura victoriana.

A traxectoria profesional de Ramiro Fernández Saus está ligada á participación, dende mediados dos anos noventa, en exposicións individuais e colectivas en prestixiosos museos nacionais e internacionais. A súa obra atópase depositada nas coleccións do Museo Centro de Arte Reina Sofía, a Fundación La Caixa, a Fundación Coca-Cola ou o Museo Albertina de Viena, entre outros, así como en importantes coleccións particulares de todo o mundo. É artista da Galería Estampa de Madrid, traballa coa Long & Ryle Gallery de Londres e en Galicia represéntao a Galería Marisa Marimón de Ourense.

“Elas, nos fondos do CTB” foi a terceira das exposicións, aberta na Sala Máximo Ramos. Nesta exposición, comisariada por Cristina Ramírez, a figura da muller atravesa diferentes representacións da man de pintores vinculados a Ferrol e Galicia.Dende o retrato costumista de Vicente Díaz e o rexionalismo, e a visión idealizada da muller galega de Sotomayor, ata un erótico nu de Segura Torrella. Os retratos institucionais inclúen o impoñente retrato da ferrolá Concepción Arenal, con quen nace o feminismo en España, ou a figura da raíña María Cristina, todo un mostrario da vestimenta que se impoñía a finais do século XIX, a dunha muller con silueta en forma de S e comprimida polo corsé. 

O deseño para un abano, de Máximo Ramos, recorda a importancia deste complemento na indumentaria feminina, usado tradicionalmente coma un medio de comunicación. Un delicioso apunte dunha muller realizando labores, de Bello Piñeiro, e unha serigrafía do último Luis Seoane, na que a muller adquire o simbolismo de representar a todo un país, completan esta selección realizada cos fondos de pintura do Concello. 

O obxectivo último é a creación dun diálogo entre un conxunto de artistas e de obras tan heteroxéneas como complementarias, posto que en todas elas a protagonista é a muller. Unha muller que se reinventa en función das épocas como musa, raíña, heroína ou nai baixo a atenta mirada dos artistas.

Cultura