Máis de 700 palilleiras na XIV Xuntanza de San Valentín

Máis de 700 palilleiras na XIV Xuntanza de San Valentín

22 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Aquí van, palilleira querida / dende a nosa fenesa estadía / estes versos de enxebre eufonía / que unha musa nos trouxo á mañá / aquí van, dende San Valentín / a espallarse na verde ribeira / e poñer sobre a brisa mareira / esa voz que por ti chamará”

Cos versos do poeta Cesar Pita Trinquete, o CPS de San Valentín saúda tódolos anos ás participantes na súa Xuntanza de Palilleiras. O próximo sábado, 25 de abril, o pavillón polideportivo “A Xunqueira” acollerá un novo encontro ao que acudirán máis de setecentas palilleiras, unha cifra sensiblemente inferior á das últimas edicións, segundo a presidenta do Centro de Promoción Social, Pilar Freijomil.

Ademais do principal atractivo da Xuntanza, que supón o intercambio de impresións entre as participantes, o encontro de palilleiras de San Valentín contempla este ano outros atractivos coma os desfiles de modelos infantil (12:00 h.) e de adultos (17:30 h.), a actuación do grupo de gaitas “Opai da vella”, un obradoiro palilleiras ou as exposicións de bordado a man, madeira, manualidades, bolillos, tecido do liño e patchwork.

A décimo cuarta Xuntanza de Palilleiras de San Valentín desenvolverase o sábado no pavillón A Xunqueira, dende as dez da mañá ate as sete e media do serán.

Sociedade